Levaba pensando neles unha tempada. Nos veráns, cando aínda os pais tiñan a intención de conservar o piso en Ourense, camiñábamos moitas das veces ao solpor, a rúa do Espeto en dirección a Ermida. E alí, xusto ao deixar atrás a estrada a Madrid, aparecían maxicamente os lucecús. O papá, cando ía na motocicleta pasaba a carón de nós apagando o motor e deixándose arrastrar pola costa, e cando non, axudábanos a collelos e a regresalos como se de fadas sagradas se tratase.
A papá tamén lle gustaba mira-las estrelas. Sempre nos sinalaba o Carro e a Osa Menor, que eran as máis doadas de atopar, e repetía: -Vedes a Estrela Polar, védela...
E nós faciamos por vela, aínda que estivésemos ollando no firmamento ao envés.