Veleno

Ofende quen pode, e a nai é unha profesional. Nunha ocasión, unha curmá atrevéuseme a contar que si se lle levaba a contra non che falaba máis, así que coa túa nai, mellor calar. O meu irmán herdou a mesma virtude e o padriño, non os soportaba. Claro que el é da mesma raza, e así lle deu a morte que lle deu a avoa. Como ela mesmo dixo, aos fillos non os podes escoller, mentres rendida, cabeceaba dun lado ao outro da almofada, nun cuarto que non era o seu, e se me apuras, de ninguén...

Tiñan, ámbolos dous unha costume que che ía acoitelando aos poucos, quizais con máis maldade a do fillo, pola súa hipocrisía, que a da nai. Esforzáronse tanto que ao final, naquela casa deixáronse de celebra-los aniversarios e calquera outra cousa.

A nai, repetiu ata a saciedade que non se facían regalos que había que aforrar. Así que cada vez que eu levaba algo, de volta escoitaba o mesmo retrouso. Non deixei de insistir ata que co tempo ao abri-los caixóns para ordenalos, vin a caisiñas das pulseiras coas cintas de regalo, ou ao limpar o faiado e atopeime co aspirador na súa caixa. Sentín como se alguén me disparase balíns de fogeo... Non matan pero vaia, se doen. 

O de Abel é máis fastidiado. Porque mentres na casa cumpría co mandato materno, a el sempre lle gustou celebrar cos amigos. Así que ata que a nai non se xubilou, os veciños vían como a casa dela enchíase de xente. O gran anfitrión organizaba aniversarios propios e alleos, e non perdoaba unha festa, e moito menos, un regalo. Isto, que eu sabía, e polo que tamén me inchaban a cabeza xornalistas autodidactas,  non o chegaba a comprender. Polo que co tempo acabei véndoo tan noxento que desaparecín da súa vida social do meu irmán. Supoño que en pena para el, que facía tempo que notaba que deixara de facerlle falta.

A cousa tampouco é mellor cando, das poucas viaxes que eu fixera, lles levaba algo. De súpeto se lles quitaba a fame ou tiñan mal de estómago e todo acaba morrendo nalgún lugar da neveira ou nos estantes da cociña. Acostumeime tanto a estes desprezos polas miñas cousas, que me puxen como reto buscar algo que rompese a liña. Entón pareceume boa idea,  a dunha compañeira sobre mercarlle unhas galiñas negras, grises e brancas. O resultado foi igual, rifoume como outras veces, dicindo que ela non as quería, e moito menos as brancas... Chegouno a dicir diante dos tíos e de tódolos que a quixesen escoitar, aínda que meses despois, sen sorpresa pola miña parte, deulle por telas desa cor.

O Abel, porén, aínda hoxe, evita a existencia de calquera cousa que veña de min. Ao tempo que lle conta aos veciños que non se quere meter no medio, entre nolas dúas. E así, zanxa cos de fóra, calquera dúbida sobre a súa valía. O malo, para o seu pesar é que os ollos ben, a lingua fala, e os oídos dos da aldea, eses... traducen...