A fuciñuda

 A única vez que vin de verdade unha serpe estaba con Abel no monte do Coirós. Tiña a mala costume de andar de vagariño e Abel moitas veces deixaba a paciencia nalgún sitio diante de min, para deixarme atrás.

Eu debía ter uns dez ou once anos. A meu irmán e a min gustábanos subir ás pedras que había no principio da ladeira. Ollábamos por riba delas, como ía crecendo a urbanización do concello a costa das aldeas, a carón da estrada que ía a Portugal.

De pé ou sentados, subiamos aos penedos coma a un castelo alleo e xogabamos a nosa maneira. Máis dunha vez se nos fixo tarde. Ao chegar a mamá non disimulaba o seu enfado en obra e pensamento. Pero aínda así, repetiamos o ascenso as viaxes esotéricas da nosa infancia, e para desespero da matrona, non adoitábamos ter presa por regresar.
Nunha delas, ao volver a casa, por fóra do camiño, unha víbora deu connosco. Quedamos quietos, e a serpe mirounos, co mesmo medo coa que a ollamos nós. Houbo un momento en que empurrando polo seu corpo, pareceunos vela erguerse case até a nosa cintura.

Non movemos nin unha pálpebra, e quedamos calados. Así quedamos ata que por supervivencia, tirei de Abel e escorregámonos cara o camiño. Ao tempo, a serpe arrastrouse cara os baixos das rochas e desapareceu entre as matas.

Ao fin, nin ela nin nos, queriamos un homicidio esa mañá.