Entre plataneiros e oliveiras, herdanzas e portas.

Abel, non estaba. Supúxeno. No fondo dáme pena pola nai, ao fin el lle repetira moitas veces que ía estar con ela sempre. Non andaba lonxe, pero non era igual. Éche ben certo que a gaiola é máis cómoda, a propia. O seu rabo estaba preso por gusto, dende había máis de dous lustros, nun pisiño ao que nunca me invitou, preto do supemercado. 

A mamá levaba unha bata vella, non peor que a roupa coa que a vira outras veces. Cambiouna en canto me viu. Deberíalle ter dito, non vaga a pena. Pero, non quería botar tempo, tiña présa. Entrar e saír, porque sabía que se paraba un pouco, rebentaría. E desta vez, non. 

O xardín estaba feito unha merda. E por riba, dende o ano pasado, a muller lle dera polos plataneiros. Un, diante da entrada principal, ben na beira da estrada. Ata que xigantescas follas se lle metesen polas fiestras, no microbús que paraba dúas veces ao día, diante da casa, e, o tronco afogase o limoeiro que eu tiña posto tempo atrás. Os outros, atrás, onde noutrora eu quixera facer un recreo. Aínda menos mal, pensei, que non llelos meteu xunto as laranxeiras. Estas a sabendas, llelas pegou ben pegadiñas, ao valado do veciño.

Do céspede non quedaba nada. Unha pouca mala herba, entre as cagadas e as plumas dos parrulos. Nos parterres non se vían nin os rododendros, nin as roseiras, nin ningunha outra planta que eu sementara. E no pomar, agora se lle acordara chantar castiñeiros. Polo demais, por el, coma sempre, paseaban as galiñas, e por iso tiven ao can sempre prendido, preto de min, que se non fose a calor, non baixaba do coche. O predio, todo el, era abafante. Eu, sabes, teño a tensión baixa e o sol agoníame tanto, que de sempre aborrecín o agosto, os areais e os chumbos e a manía que teñen os de alí, de desfacerse das árbores, para que o tractor non tropece.

Aínda que de todo aquilo, o que máis noxo me daba, eran as hortas. Prohibidas, estas si, para as aves, parecían querer alimentar a todo o concello. A Abel da terra so lle gustaban as ensaladas. Así que, de ano en ano, quedaba abundante podremia para estercar o seguinte.

Ninguén lle berraba xa á vella, os veciños tiñan suficiente có de cada quen, e polo que ela lles ía dar, tampouco lles merecía quedar a mal con ela. 

-O ano que ven xa o deixo...

E as oliveiras? Pregúntasme. Tres. Aínda, sobreviven. A pesar de que nunca as quixo, como nada que viñese de min. Nin ela, nin Abel. Dúas, raquíticas, están  unha fronte a outra, preto do pomar. A terceira, se aínda estivese alí, teríaa cambiado de sitio. Co tempo, coméntoche fun eu a que me saín.  E agora, cando vou, case nunca, apúrome e non abro a boca.

-Por que se falo, entón si, que xa non volvo...