-Chegamos onte
Repetía, mentres conducía o corsa metalizado pola estrada a Portugal. Abel asentía sen presentar ningún signo de importarlle moito o que estaba a oír, mentres eu chuspía sapos e tragaba ras. Xa había tempo que ninguén lle tiña fe, pero aínda así, deixábana falar, e servíanlle o café con galletas surtidas nunha casa, ou bica na outra.
Ao chegar á da avoa, apurábase o xantar, nos últimos tempos a nai levaba feito, as empanadas precociñadas, a medio desconxeladas, cada vez eran máis habituais, como o eran as verbas adicadas a falla de interese por parte da nai, por aquelas visitas.
Xa non se ía pola leituga e os tomates a horta, nin se sacaba o pan do forno, con sorte, pelábanse algunhas patacas e fritíanse naquel aceite que ulía a fogón de butano. Cando ía soa, era ben distinto, a avoa, xa había tempo que mostraba a falta de gañas, pero eu precisaba dela, neste presente noso, así que a obrigaba a miña maneira a que se puxese co polo e as patacas, no en tanto que eu daba voltas pola súa intimidade en primeira persoa, refacendo a súa cama, re-varrendo os seus solos ou re-lavando as súas bragas..., logo sacándolle as verbas, sentadas na escaleira do patio, ó único lugar onde chegaba o sol.
As máis das veces, retrousaba, e relambíase nos mesmos pensamentos, notábaselle a nostalxia da nenez, da súa, pero tamén da dos seus netos, sobre todo do que xa non estaba.