Entre dúas liñas hai un punto que proe, e se o presionas moito, seguro que rebenta. Tamén hai regos sen auga ou paxaros que perden as plumas e aínda así, sobreviven. Na primavera, na casa de dona Odulia, mentres Edelmira berra, vai sacando a súa cabeciña unha nena. Na mesma, no galiñeiro na casa da Manola, despois de que a raposa asasinara a ó galo e unha das quicas, outra meniña anda a revolver niños. Que desfeita, di de volta na casa da nai. Vai polo caldeiro, respóndelle sen mirala. A casa da dona Odulia é pequena, pero das mellores da parroquia. Construída en dúas alturas, senta a cociña, o comedor e os dormitorios sobre un penedo eo patio e as cortes agóchaos abaixo, detrás dos portóns; no aire, o faiado, os balcóns e os alpendres.
Nos invernos longos consúmense lumes, amencen queimadas as árbores, envoltas en xeada e desfanse os corpos entre almofadas húmidas. E ninguén mira. No xeito de andar da Edelmira había algo raro dende facía uns meses, pero non se deron conta até as primeiras contraccións que anunciaron ós pais de que sen dúbida, ían ser avós den xenro. Chamárona Sabela coma a rapaza da Manola, porque a don Nemesio se lle meteu na testa. Iso, e apadriñala aínda que fose filla do demo. Mandárona amamantar, cousas da vida, coa nai da outra Sabela. O Nemesio paseou darriba para baixo, tantas veces como puido, e botaba dozuras ás nenas. A da Manola miraba sen confianza a aquel home que, en canto chegaba, sentaba na mesa, pedía un café con gotas, e un anaco de roscón. No canto, deixaba cartos e comprometíase a máis, sen falalo se querera.
Por varias veces, trouxo roupa vella que, para enfastío da pequecha, a nai arranxou para os domingos. Despois de seis semanas , volveu a casa da Odulia. A partir de entón a que baixaba foi a Edelmira que tamén disfrutou do sansón. As dúas falaban das cousas da aldea, dende que saían da misa até un pouco antes de xantar. Pero pronto, algo pasou e sen falar nada máis, a Manola espetoulle un marcha e non volvas.
Sábese que os vermes percorren os camiños da lama co risco de ser esmagados ou coa vantaxe de pasaren desapercibidos. Cociñadas as verbas máis escuras entre verza branca e touciño, abúrrense as mulleres que se perden no solpor do que os outros lles din. No colexio a Sabela pasaba sen intención de curso. Ó sair coidaba do rabaño, mentres rillaba o pan con chocolate. Con ela ía o Ramón. Andaban os dous tra-los animais, camiñando na beira do río, ou nos camiños do monte.