A pequena leiteira


Aínda que non peche os ollos, podo rescatar a imaxe da tona fervendo na máis grande das potas vermellas. Aínda que te estea a mirar, podo pasear polas burbullas e ver como a nai lle da voltas á culler.

Se me deixo levar polos pes, respondo en saltos entre rúas, aos impulsos propios. O primeiro:

-Pum! A carón da panadería das Casas Reais

Onde a leiteira nos enchía o cacharro. O segundo:

-Plas, plas... navegando pola costa de Xelmírez coas catiuscas azuis, a vela maior -o paraugas- pechada para non afundir -e para que a nai non rifase ao chegar a casa- e, a cacharro do leite...

A leiteira viña no Castromil dende a Susana. Poucas veces a viamos, pero cando era así, ría cara nós como se quixer comernos. Igualiña que a do conto -só que a súa casa estaría feita de requeixo. E ao bicar, arrabuñaba, todas as vellas o facían:

-Todas ulían a fume e a caldo, a pan reseso en leite acabado de espremido. Levaban as engurras sachadas na cara e as mans estaban feitas de carozos de millo.