Dis-posta


Post-ureo na porta da xefa.
Avan-gardas de salivas entre eles, elas
e eu. Competencias varias, sorrisos.

A ela parécelle que podo esixir. A min, que xa non estou para milagres. Crise na contorna:

Cambiamos o curso do Miño?

Dende vai un anaco non vexo cartos no meu peto, non aforro segredos na pel, si recoñezo as miñas lerias, si excomungo os meus pecados:

Sete días ten a semana,
unha noite so. Caramelos
de talco branco, vilezas.

Ata onde chegar? Cando remata o amencer? Estaste a aburrir?

Entre as apertas dos meus ollos,
baixo os xeonllos do capataz.

Teño os outonos cansos, tortas as dedas pola humidade. Espero por min:

Tras un obxectivo esnaquizado en catro vidros,
un por cada membro co que camiño.
Conto comigo, pouco máis,
no xustomedio do meu sentir.

Dende os baixos da cama, condeno, berro dende o aquí e o agora:

Dis hoxe,
pos mañá.

E mentres... Dis-post-a (a) esperar.