Dende o fondo da orella saen uns pitidos que son máis o menos insoportables segundo como de nervioso estea Carlos. Normalmente é un home tranquilo, pero dende que alguén lle sopra no nariz vai pola vida coma un can rabioso.
Lois sen embargo segue sendo o mesmo neno que saltaba a cada pouco pola cousa máis imposible. "Non me toque-las margaridas", era e é o que máis repite cada vez que escoita algo que non lle convén. Os dous estudaron no colexio Sanxabier e aos dous lles gustaba o baloncesto e as gominolas de dona Paca.
Carlos ía dous cursos máis adiante, aínda que só se levaban quince meses. Lois alcanzouno cando coincidiron no ciclo de Estética. Hai que explicar, que o primeiro xa tiña rematado un de Cociña que non lle convenceu, pero que lle deu a habilidade de conxeniar coa sogra.
Os pais de Lois traballaban no tanatorio, e Lois sabía que lle ía tocar apandar co negocio, porque a súa irmá dáballe noxo e para que ninguén se levase a erro, casou cun marine co que foi a parar a Madrid. Onde, por certo, coñeceu a Xesús, un mediomozo da súa cuñada coa que acabou liada, ou iso dixeron.
Lois, decidiuse polo da Estética, só para gañar tempo. Servía para convencer aos pais que a tanatopraxia podía ser iso que lle faltaba ao negocio para gañar sona fora da parroquia. Aínda que a eles pouco lle importaba que non tiñan ansias por medrar, so querían que algún dos fillos quedase e estaban dispostos a facer por crer. A especialidade xa non foi en Compostela, e houbo un momento en que o tiñan por perdido, se non fose, precisamente polo Carlos.
Este, pola súa banda, acabou abrindo un salón de peiteado en Celanova, na antiga barbería do Moncho. E alí, polo Sanroque, acabou na mañá do sábado, despois dunha noite de troula o Lois. Aínda ulía a viño e roncola, mesturado co aceite do polvo que ceara e a ouriños propios e alleos.
Na cadeira rebulíu todo o que quixo mentres o Carlos tentaba refregarlle os cabelos, ata que este lle botou un berro que se lle espetou no espírito. Eles contan moitas veces, que entón o Lois ergueuse, deu a volta e pingando achegouse ao Carlos coa intención de devolverllo cun empurrón, pero que ao agarrarlle os brazos viuno tan tenso, tan apertado nas súas carnes que se excitou e despois dun: -Mamalón! mandouno contra a parede e alí mesmo consumaron.
-Talmente quedei enganchado, conta o Lois, que ese mesmo día fun a axudar aos meus pais nun funeral tan feliz que por varias veces, asustados, me preguntaron que tomara...