Urbano Feyjoo vs Escolas da emigración

No seu 25 aniversario, alá polo 2011, Tecnópole explicaba a necesidade de seguir percibindo fondos da UE, xa que a nosa comunidade, segundo escriben na súa web tiña menos do 90% de PIB per capita medio. Polo que apertaban a idea de seren de grande xustiza a prórroga ata o 2020.

Ao mesmo tempo, no noso territorio, como noutros, non é este, un privilexio exclusivo, xa residían algunhas das fortunas máis importantes do mundo... Do planeta Terra, que non é pouca cousa,... Algo, cando menos, de difícil encaixe. E moito menos, se o casamos co debate constante, e se se me permite, perverso, sobre a Empre-SA como promotora de riqueza e de accións benefactoras  á comunidade.

A mesma xustiza que abonda na necesidade de cohesión, no que di ao segundo parágrafo me leva a outro concepto, ao de gratitude. E así, seren deste modo, agradecidas con esa comunidade que nos trouxo ao mundo e/ou que aventuradas nel, saudamos con morriña ou simplemente, dende a boa vecindade.

Facendo unha lectura, como a que a miña cabeza está afeita, penso en que xa na América do século XVII, as Escolas da Emigración foron  líderes en toda a súa extensión da suma de todo o de bo que pode ter un emprendemento con raíces sociais. Igual deberíamos, aproveito para dicir, regalar un día das Letras Galegas a todo este esforzo que se foi estendendo no tempo e que tiña, por riba de tódalas cousas unha base xenerosa e de amor. Si de AMOR, así escrito.

Con nada a envexar, por certo, ás empresas sociais que disque son ás nórdicas europeas, e as que  tiven a oportunidade de escoitar nalgunha xornada da Fundación Fenosa, na Coruña, cando aínda tiña fresca a formación sobre Desenvolvemento que percibín do grupo de Vidán, alá polos 90.

Avanzando nestas ideas, a mediados do XIX, nun deses momentos máis duros para a nosa sociedade, un home nacido no noso acento, Urbano Feyjoo y Sotomayor,  proporcionou unha saída de traballo a súa paisanía galega. Porque en tódalas familias hai ovellas, e este, segundo as letras da Historia que me chegou, foi todo un carneiro vil e avarento, e non se lle ocorreu mellor modo para fuxir da ruína na que estabamos que oportunamente facer de nós, escravitude en Cuba.

Por fin, no século XX, Galiza entrou na UE da man do señor Fraga. Home protagonista indudable nos libros de texto e biográficos, varios. Algúns, por certo, que o petaron no seu día. E esta Europa irrompeu en nós, transvestíndonos nunha NUT tipo 1, isto é: unha SORTE. Así sentenciado por  equipos de goberno de tódalas cores en administracións locais, autonómicas e estatais. 

Foi, e parece que continúa a ser unha SORTE, ser pobre, ou polo menos esa, segundo a miña POBRE tamén, interpretación,  era a reflexión de partida.  E paletos ao mesmo tempo que dóciles, submisos ante os powerpoint de pretendidos cambios de estilo social que nós impuñan e que sguen a facelo:
-Fóra o minifundio
-Dentro a autoestrada
-Fóra o autoconsumo
-Dentro a explotación intensiva
-Fóra os pendellos
-Dentro a globalización do mercado

Non sei si os do grupo de Vidán alcanzaron a ver a Escola da Nova Economía Somerxida que se bendicía dende os estamentos burocráticos, ou si, calaron, desculpade, como putas... Esas emprendedorías que se universalizaron e que entraron a formar parte do Forbes, sabían da súa orixe nas costuras de exércitos de mulleres, que tanto puñan unha cremalleira como limpaban peixe e de homes que se partían o lombo en quendas afastadas de tódolo soportábel, incluídos eses contratos eternos de por obra e servizo, mais esquencen a presa.

A pesar diso, a Terra chorou a perda da súa Caixa, non menos que outros suponse, e suspirou na reviravolta do de Caracas. Inmerecido ou non, o apego polA Banca e, por cada unha das marcas propias... E así, na nosa memoria colectiva queda pouco sitio para don Urbano... igual, non sei, deberíamos cambiar os plans de estudo nas Escolas, por aprender, digo, e de paso, pode falar en  nome propio...


Bos xantares me teñas, benquerida Galiza