Cheguei

Despois do intre en que nada cambia, logo do sorriso que atrae unha boa escea cómica, no mercar das bágoas da choiva que cae a cachos por entre os cabelos da miña cabeza, dende a puntiña do meu nariz, até os nocelos tortos dunhas pernas escravas dun camiñar incómodo.

Do que pensan as beirarrúas sei pouco, aínda que de vez olle para abaixo metida na cazadora gris do meu pai, a que lle roubei logo de ir a durmir in aeternum, preto do seu sogro. Disque se desfan só a rochas que baixan de sanroque, polo que remexen nelas coma nun queixo con marmelo, implementando as pegadas coma codeiras nun uniforme infantil, de saia trenzada en cadros grises e azuis.

Xa falei nalgunha hora dos meus costumes, incluso daqueles que pola súa intimidade agardan polos algodóns do pixama recén salido da lavadora, pero nunca me escoitei explicando como nunha urbe feita de aldea me desfixen da mochila do meu haber, para ser envolvida nun deber alleo.

E así coa codia entre os dentes, limpando o que hai agochado na falta de humidade dos últimos tempos, respondo da miña inacción  e das moitas actuacións emprehendidas na marxe burócrata e adiplomática do que non conta consigo mesma para expirar.

Na contra, si ten a tentación de facer un brinde ás nubes que coroan o preludio das tormentas que fan saltar o diferencial que recarga os electrodomésticos nos que un día, segundo a crenza fantástica da avoa, me metín, máis concretamente no tambor enchido de auga, para sumerxirme en deterxente e suavizante azuis.

Porque de tódalas brancuras, a dos teus ollos apagados e abertos ao ceo é a que me levarei ao inferno, se chego alá.

Boas noites, outono, e... que teñas un bo espertar.