Iso non!


Contra os segredos, gatos.

Por iso, se levas unha serea de tintadebicazul cravada no tríceps dereito, a nena, filla do Antón, entende que non pode preguntar.

Ao André gústalle pasar as mañás e as tardes, e se puidese as noites, sachando na súa hortiña -a que queda no lado de abaixo do serradoiro-. Tamén lle gusta parar a media mañá, sentarse diante da portiña do  chilote, para almorzar un anaco de pan de chourizo mollado en viño.

O viño é das uvas das catro cepas que ten e das que merca de Castela, que este ano baixaron a sete pesetas o quilo.

E así  falar coas veciñas que veñen e van a Ourense. A Manola e a Sonia, nais da Manola e do Manoel, do Xacobe e da Xulia.

Veñen de levar aos nenos a escola ou van á  praza.

-Parece que vai chover
-Parece
-Algo fai falla
-Fai, fai, que senón as pragas acaban con todo

No verán do 82, o Antón e o André, despois da sesta de ámbolos dous, apuntábanse a discutir de fútbol diante dun café con gotas na casa do primeiro. A nena do Antón non lle gustaba o fútbol, pero si relamberse nos sorrisos do pai. A nai da nena non lle gustaba o fútbol, nin que a súa nena se relambese tanto no seu marido.

-Sae de aí, vai xogar coa  irmá
-Anda si, vai fora

Ao final había que renderse ante a negativa de saír das pernas do seu pai. Así que as conversas facíanse irremediablemente banais porque xa se sabe o que pasa cos nenos -cóntano todo.

Aínda que as veces, cando a nena parecía máis distraída,  baixábase a voz, coa esperanza de saír do campo de fútbol as vidas de cadanseu. Nunha desas, diante do coñac, o André:

-Ti ben o sabes
-Seino
-María, eu quero ben ao teu home
-Sei
-Eu non pensei nunca en facerme amigo dun policía
-Veña, vai buscar a túa irmá

A nena, sentiu o gato dentro dela e tamén o perigo de que conseguisen botala. Sen rebulirse ergueuse paseniño.

-O fillodeputa estáballe a berrar no Rial!

Impou.

-Os tempos eran os que eran, ben que se aproveitaban
-Vaille levar a viseira

Foi devagar cara a nai e colleulla. Logo remexeu nos cadernos e os lapis que había na súa cadeira.

-Que non había cartos, non había nada... E o fillodeputa berraba...

A emoción sentíase engordar na gorxa.

-Vai xa! -di baixiño a nai que se está a enfadar moito
-Colleume a nai polo brazo, empurrouna e seguiu berrando

A nena chegara a porta, pero xa ninguén atendía dela.

-Collín un sacho e llo lancei as costas

A nena deu un paso pequeniño.

-Caeu no chan, e coa mesma, lle partín o cranio

Hai sereas de terra dentro que nadan en viños avinagrados, deses que teñen un pouso sucio de bondades roubadas a velenos. As liberdades conservan o ton de quen infrinxindo  as alleas, comezan por pensar:

-Volvería a facelo

A nai do home que se revolve no chan pensa no home ao que lle incomodaron a nai por cartos. As liberdades conservan o ton de quen infrinxindo as alleas, comezan por pensar:

-Vinte anos na cadea, son poucos

E mentres, a nena a que lle fan estudar os dez mandamentos no catecismododomingo, comeza por pensar:

-Que hai excepcións pero que... non se pode falar delas



*Ao sr. V.