De paseo (II)


A irmá da Hortensia, faltou da aldea dende que o pai do Pedro apareceu morto na Poza das Ras. Algúns pensaban se se mataría e que logo, alguén a enterrara nalgún dos nichos do Carballo.  Apostaban máis pola sepultura do seu tío-avó Ricardo, que pola da avoa. Ao fin, nai e filla non se levaban dende que a última quedara empreñada. Outros, sen embargo, estaban seguros de que marchara a Uruguai, e que alí se arrimara a un deses negros. Mofábanse pensando en que alguén petase na porta dos Boteiros, unha mociña acibeche ou un medio-irmán café-con-leite do Pedriño.

A nai da Hortensia, tamén Hortensia, tampouco se falaba coa outra filla. Non se entendían, máis polo medo de ladrarlle na orella ao xenro, que o Xacobe non tiña paciencia e non tardaba e saca-lo cinto e rebentarche o lombo diante de quen fose.

O que era sabido era que a Camila e a Hortensia, rifaban como tódalas irmás, que incluso pelexaron por algún mozo, pero nada que non se puidese perdoar. Da carraxe que houbese entre nai e fillas, nada sacou en limpo o pequeno. Comía e durmía na casa da avoa, e de vez pasaba pola da tía a facer mandados. A tía Hortensia, tiña o costume de encargarlle ao neno levar os pedidos unha vez lles pasaba o ferro. As veces, lles arrincaba algún doce do forno, outras, unha moeda agochada na faldriqueira.

No que tardou en erguerse do chan, deulle voltas aos miolos. Seguía mollado, e non tiña moi claro se mexara por riba del. Respirou como puido, arrefriando aínda máis os seus órganos brandos e elevou os seus pés cara o camiño de San Vicente. Arrodeaba máis, pero non quería atoparse a ninguén. Para cando chegou, estábano esperando na porta, rumiando non sei que coa veciña. A avoa non tardou en bendicilo cunha labazada, e quedou sen cea por aparecer a aquelas horas e daquela guisa.

Foi dereitiño a cama, non esperou para poñelo pixama. E cando a Hortensia se deitou, o neno xa tiña rezado. Pola mañá, non precisaron de espertalo, nin se lle lembrou que cambiase os calzóns. Quentou o leite, comeu as sopas, recolleu os lapis e cargou coa maleta ate o colexio. Pasou as clases tranquilo, non se meteu co Demetrio, nin lle pediu un pito ao seu curmán. Recibiu un premio da mestra por facer ben as contas e saíu da aula sen facer ruído.

Na altura da porta da cantina, ouviu de novo segunda voz, entón entre o tremer e a curiosidade avanzou, suáballe o corpo. Mais retivo o alento e preguntou se podía ir ao retrete:

-Que, non hai baño na escola?

Logo de mirarse a petrina, saíu de novo e mercou un deses sobres sorpresa cos  soldadiños de plástico. Abriuno alí mesmo e dirixiu a cabeza cara a porta. Notábase no vestir que a chaqueta non lle ía ben e que tiña gusto polos sombreiros:

-Ti es o sobriño do carabineiro, non si?, elevando a voz
-Deixa o neno ho!
-Só preguntei. E que...? Valéronche os zapatos novos?