pAr

Existen dúas maneiras de ve-las cousas. Unha como as ves ti, outra como as mira o que está ao teu carón e, no medio sórdidas sofías eufóbicas que non te desprenden da realidade cando toca lidar con elas. 

Disque Venres levaba esperando séculos por Robinson e, para as que renegan das inxeccións eclesiais de intrademos, están os outros, os revividos na concentración dos predios para ben da paisaxe rural. Que ou vas ou ves, que se te atopas a alguén no camiño, mellor cóntalle que o derradeiro filme non transcribe a liña debuxada polo movemento social de aqueloutro e-ou dille xusto o contrario, que vale tanto ou máis, no que a  mensaxe libertaria reprende. 

Os berros escoiteinos tra-los vidros da miña táblet. Un home duns cincuenta anos, rifaba con dúas adolescentes porque se estaban a rir del ou talvez non, igual pareceulle ou me pareceu a min. Sexa ou non, andou a sortea-la dignidade diante dos meus ollos. Recoñecín nel, no seu vestir de camisa de a douscentos, poida que mercada hai uns nove anos ou máis, e en calquera caso menos dos que levaba pechado o local que lle queimou aos  pais. Antes de vende-lo e cambia-lo por media ducia de prazas de garaxe, xusto despois de facerse legatario dunha alícuota coa que non estivo de acordo pero que aínda así, deixouna estar e, inverteuna, segundo a familia supervivente, malamente.

Hai algo moito peor que as caries malseladas, a vellez que mostran os espazos entre os cabelos canos diante do perineo e o arrecendo das feces nos calzóns do amante, noutrora, de ollos azuis-bijoux. Non hai máis maneiras de descifra-las custodias da verdade do namoramento nunha paisaxe deconstruída no alcolímetro do club no que ninguén sube, só se vai beber e botar unhas risas. 

Seica hai por alí, clientes espelidos que desfán a fariña no vaso de tubo e deixan algo para colga-lo na punta do nabo de amantes ostraquizadas. Un deles presentóuseme un día e eu, parva de min, apostei pola súa inmensidade que logo se desfigurou no primeiro rescate propio. Aprendín por entón, que a seca no amor é mellor que lama, que a segunda afoga mentres enmerda.

Claro que hoxe, mentres observo os dentes das nenas, cuestiónome si botar un foguete de vez tería valido para desface-los nos das cervicais e arrincarlle salgaduras á feminidade do meu corpo, algo así como eles falan, ir de putos sen ir.