Anandamida

Máxica é a vaidade do Lolo. Encoraxada no sono dun neno que se aperta forte a unha nai allea na aldea dun país estranxeiro. Pouco importa que o percusor se disparase antes do amencer. Ao cabo as meniñas van gardadas baixo as pálpebras, fortemente amarradas nas mans da fulana. E menos consolo para aquelas dedas que afían as unllas vermellas nos croios dos camiños, que quedan atrás dos enxoitos aramios apegados ás ás do avión que os trouxer á morte branca.

Esa que te devolve en cadaleitos glacé de heroína afumada en cortes de a dous ou tres comebolsas. Acentos tibetanos en letristas de paixóns enchidas de condóns que enfundan as torpezas do amor que asoma na suor das lumeiradas, espida tra-las fiestras de festexos noctámbulos.

Líquidas son as verbas do papá que bate no lombo do Manolo. Chospen minutos de bricks oliva, sangrados de razóns que arrefrían nos portais da Banca. Esa que celebra a venda do porto, no seu cabodano, do Sancibrao ao cotonado terceiro de Bahrein. E quen non vai comprender a transcendente emoción dos que alí cohabitan: cubre a fame daqueloutro, os desenganos propios e as tolemias dos de aquiacolá.

Polo que Ms. Ananda, mida o que di...


Bos días e doces soños, Newark