Nó gordiano

I

Helena é das que gusta de foder e mante-lo virgo e iso, rabea a Rocío. Aguántao porque fai ben a boloñesa, e aínda que poida parecer de pouca importancia, foi suficiente para quitarse de enriba a Juana. Tódalas mañás, ámbalas dúas érguense coa carraxe encordada baixo o plumas e, como o saben, desfanse unha da outra agardando a que a distancia lles devolva o respiro.

A de Fontela, érguese a primeira, almorza un café con leite e media digestive, e empaquétase no anorak para saltar ao instituto coa soga atada na aula de terceiro bé. Rocío espera a que ela empurre a porta para  bota-las sabas ao chan e, recolle-los deberes que trae tódolos  días a corrixir e que nunca fai. 

O como de arranxarse para chegar ao mesmo tempo, ninguén o entende. Mais aí andan, aquela collendo unha mazá da máquina, e a Helena pensando, no que un dos  alumnos se lle desculpa por tropezar cun dos seus peitos,  que por que non a traerá da casa. A mazá, quérese dicir.

Na quinta  mesa da cuarta fila, comezando pola dereita, está a Sara a rele-los apuntes de Química e detrás dela, Carlos babea aos ritmos de Lois e Silvia. Rubén, que, ao igual que Helena tamén está a velo, achégase a eles apresando na man un dos seus bolis e garabata algo no caderno da rapaza. Entón na xugular do Lois comezan a ferver aguillóns, e de súpeto escóitase un berro:

-Exame!

II

Helena é das que gusta de foder e mante-lo virgo e iso, me rabea. Aguántoo porque fai ben a boloñesa, e aínda que poida parecer de pouca importancia, no seu día foi suficiente para quitarme de enriba a Juana. Tódalas mañás, ámbalas dúas erguémonos coa carraxe encordada baixo o plumas e como o sabemos, desfacémonos unha da outra agardando a que a distancia nos devolva o respiro.

A de Fontela érguese a primeira, almorza un café con leite e media digestive, e empaquétase no anorak para saltar ao instituto coa soga atada na aula de terceiro bé. Eu espero a que ela empurre a porta para bota-las sabas ao chan e, recolle-los deberes que traio tódolos días a corrixir e que nunca fago.

O como de arranxármonos para chegar ao mesmo tempo, ninguén o entende. Mas aí andamos, eu collendo unha mazá da máquina e ela pensando, no que un dos alumnos se lles desculpa por tropezar cun dos seus peitos, que por que non o traerei da casa. A mazá, quero dicir.

Na quinta mesa da cuarta fila, comezando pola dereita, está a Sara a rele-los apuntes de Química e detrás dela, Carlos babea aos ritmos de Lois e Silvia. Rubén que, ao igual que Helena, tamén está a velo, achégase a eles apresando na man un dos seus bolis e, garabata algo no caderno da rapaza. Entón, na xugular do Lois comezan a ferver aguillóns, e de súpeto escoito un berro:

-Exame!

III

-Vai foder!

(Se non fose polo ben que fas a boloñesa e que me sacaches de diante a Juana...)

-Se queres... xa sabes!

Mastígalle a berros a de Fontela entre a digestive e o café, para logo saír cara o instituto coa soga atada á aula de terceiro bé.

-Joder, por fin!
-Por fin, que?

Respóndelle Helena dende a porta, toda ela recosida no seu virgo. Des-encordadas xa do plumas que envolve cada noite a carraxe da outra, e que, no almorzo lles devolve o respiro.

-(Que, que...? Se te foras a merda antes de aparecer!)

Siléncialle Rocío, mentres anda a recolle-los deberes que trae tódolos días para corrixir na casa e que nunca fai.

-(O como de arranxármonos para chegar ao mesmo tempo, ninguén o entende. Mas aí andamos, eu collendo unha mazá da máquina e  Helena pensando...)

-Perdón

no que se lle tropeza  o alumno ao peito.

-(que por que non a traerei da casa, a mazá quero dicir.)

Na quinta mesa da cuarta fila, comezando pola dereita, está a Sara a rele-los apuntes de Química e detrás dela, Carlos babea aos ritmos de Lois e Silvia:

-(Se me quixeras)

Rubén que, ao igual que Helena, tamén está a velo, achégase a eles apresando na man un dos seus bolis e, garabata no caderno da rapaza:

-(Parvo é o que fai parvadas... A que putea...)

Entón, na xugular do Lois comezan a ferver aguillóns, e de súpeto escóitase un berro:

-Exame!
*Monstrolizacións con Suso de Toro