ZAR PAAI*

Cabe a posibilidade de que na Auria haxa por superficie útil rural, máis cidadanía exconsurábel que efectivos ao servizo de extinción de lumes, é dicir, máis xente que teñamos o demo no corpo, que homes e mulleres nas estatísticas do IGE... Porque senón non se entendería que nun país, con máis do 60% do monte en mans particulares, con predios de 0,5 ha de media (a 1-2 ha por propietario), e cun cacho, non desprezábel, en varas ou comunais. Nun territorio con pouco máis de 270 mil explotacións gandeiras e agrícolas de 8,15 ha por unidade, e por riba, segundo a propia Xunta explica, nunha comunidade autónoma cun "80%" de superficie cinexética... O monte, arda.

E, por incríbel que pareza, nesa Comunidade onde a voo de Puma coidamos, non se poden contabiliza-los 7000 profesionais que a súa presidencia contratou, é máis doado ve-los paseos do xabaril.

Digo eu, que nestas parroquias envilecidas, talvez coa maior proporción de poboación na diáspora e máis envellecida da vella Europa, é onde se trafica maiormente na verbosidade política, con pecados punibles no novo código penal (título XVII, capítulo II) no que a foresta se refire. A realidade, sen embargo é que o abano de posibilidades para un forense dos massmedia é infinito:

-Os eficientes plans da administración do de Peares, da do baltarismo e das locais (incluidas as defenestradas comarcas, tan sexies noutrora)
-O negocio nobre dos holdings de prestacións de servizos
-A sacrificada explotación intensiva  agraria, gandeiraforestal
-A respectuosa actividade cinexética
-A ecoloxista filosofía das enerxías renovables
-A supervivencia do de cadaquén, a tolemia e as pantasmas das rozas...

Mais, sendo coherente comigo mesma, conclúo que a responsabilidade é do meu pai, porque si, por seren da Limia... porque, quen lle mandaría a el naceren e morreren nesas terras do inferno... Aínda que igual co tempo, papae, redactan un decreto para iso tamén, non vaian te-los nosos ósos no seu interior mistos delituais... Será por lexislación...