O risco inevitábel

A afirmación de que existen Deportes de risco e Riscos do deporte, non desenvolve unha idea extraordinaria. Tampouco son novas a busca de chivos expiatorios ou desprazar á vítima a responsabilidade (neglixente, culposa,...) dun feito.

No noso país segundo se le no diario Marca, as probas automobilísticas son unha afición colectiva, que forma parte, dende fai décadas, do folklore popular. Tamén nos explica que a Federación Galega funciona (ou dis-funciona?, segundo o propio artigo) como un ente autónomo independente da Real Federación Española de automobilismo (e, talvez, da Federación Internacional de Automobilismo).

O que me cuestiono é que significa o de que foi un accidente... Mala sorte impredicíbel? Falta de sentidiño dos espectadores?

Tamén me pregunto que contido ten a comunicación da FGA: A autorización de probas puntuables para o Campionato Galego de Rallyes, como o Rallye de A Coruña, esixe a previsión e o cumprimento de estritas medidas de seguridade, que a xuízo desta Federación, a organización previu e respectou estritamente. Ou o que é o mesmo, cales foron as medidas de seguridade?

Se todo se fixo tan ben, se non hai nada que cambiar (aquí ou acolá)  no que respecta aos clasificados como Sport dangerous, entón o de que estaba para eles cobra grande dimensión nun país en que aínda se fala no nome das meigas e da santa compaña...