O misterio

De mañá, de inverno, no outeiro do casal de Leirós, un neno percorre o camiño que hai entre a casa do párroco e a do Ramón, que hai que levarlle a volta do que lle pagou ao seu pai, muiñeiro de herdanza e carpinteiro de ocupación.

No carreiro do atallo ao porto, cae o neno no río e, afoga entre o predio do Xaquín e o da Adela. Búscano os veciños,  nos días que seguen. Anda a nai aínda hoxe, na súa procura. Está segura de que llelo roubaron os animais do monte, porque o seu fillo é bonito coma un sol. De vez, fálalle cousas del ao pai, como que onte lle preguntou á raposa, e que ela lle contestou que o vira xogando cos estraloques no sendeiro de Carpazás. 

E o pai déixao estar, ao fin a súa Sara non fai mal a ninguén, e que máis dá que por reis ou no aniversario,  a súa dona lles merque roupa aos dous nenos, ao que crece con eles e ao que xa non está. E que a aquel pequecho, lla deixe por aí fóra e, que o Ramón vaia detrás dela para gardarlla na artesa que está no faiado da casa de abaixo. Tampouco importa que, dende que faleceu o seu o home, é o fillo o que segue agochando na maseira, os cariños da nai para co seu irmán.

Nin sequera deixa que con el vaia o neto, que coñece do seu segredo: o da avoa e o do pai. O da avoa que se volveu tola, e o do pai, que sabe que o irmán morreu afogado preto do Porto, entre o predio do Xaquín e o da Adela.

Boas noites, Sydney