Know_mad

A madurez do sangue leva metabolitos envelenados que non se entenden. O guión é unha pantasma que berra, como choran os gatos no intre en que a roda do tractor entérraos na vida dunha pista que se desfai en verbas, para non diciren nada, para me repetir. Que o que se retira das linguas a cotío nos embarques das patrias temesiñas que, loitan asubiándolle as penas ás cobras, ao tempo en que se desfán da pel que lle roubaron á infancia, anda a petar no meu cerebro.

Probemos a encantarnos a nós mesmas, mentres nos andan a diagnosticar un cancro no peito esquerdo, e a mandar saloucos a quen nos pariu para logo, faceren por rebentarnos contra valados liberados de dozuras. Experimentemos como poderían birtarnos dende o cu da mente, para ao fin, baleira-la semente do melón na mesa dalgún letrado, baixo a luz que  se afasta da fiestra que coroa o espazo entre o fóra e aquí.

Despois de todo, o único matrimonio que me acompaña é o tempo que se encolle comigo e que afoga os sinais do que está por chegar. Porque nesta altura, na que o lobo xa non se perde en lamas alleas, a pulseira que levo ten a propiedade exclusiva do que se desfai no sobrado. E se escribo isto, coas pálpebras a medio derreter, éche porque non me teño, me fuxo, non me estou. Todo para que non me alcances na expresión do que está por dicer e aínda non chuspín.

E se algún día escorregas nas miñas pegadas, sóprame no ouvido que, nesas noites sen estrelas, por baixo da auga e do frío, haiche un espello que se che ha abrir polo costelar.

*Bos soños, Lima