Know_mad II

O control da polaroid sobre a imaxe proxectada en cada sílaba que difire da percepción da miña sombra, devólveme unha causalidade dificilmente indexábel a algo particular que me enganche ás tripas dos que falan na miña contorna. 

A interpretación das verbas propias vólvese tormenta que dispara coitelos afiados, polas ideas que me ferven nos miolos, alumeados por un fogo prendido na chispa que lle fuxiu á colleitadora. Esa que anda sen asegurar e, que vai custa-lo enredo entre o meu espazo e o dos outros até diminuí-la soidade á fracción do absoluto.

Non quer saber máis, para non penar con o de eu non quixer dicir iso ou por ser acusábel de afirmar na contra, que non no favor, de parcerías, que habelas hainas, e que, fustrigan ao deixarse levar polas paixóns das conviccións. Todas elas acollidas no intre en que baten nos coiros dos mapas do que eu son, para refuxiarse no interior dos citoplasmas. 

Teño por costume fiar conceptos acordoados arbitrariamente no meu envés, e por iso, ao despecharse a noite, veñen a min ametencias daquilo que no silencio se me constrúe no niño que gardo nos sobrazos e ao que, non lle falta máis que un botarse fóra.

Onde alguén, aínda sen propoñermo, sempre pode escoitar en min... aquilo que muiñaría o inimigo.

Bo xantar, Ontario