Chill, man!

-Que ocorre?
-Se eu tivese a potencia dun furacán
-Que?
-Recollería as notas da filharmónica na que se fai oficial o discurso e, llelas guindaría ao mestre na clase de inglés para que puidese replica-las sinfonías coas que me bombardea acotío, pero na faciana!, empuñándome nos ollos as súas feblezas, esas que me culpan de todo o que non é suceso, porque non fai senón queixarse de min.

Teriamos ámbolos dous, valor para puxarnos os pelellos, e veriamos quen berraría máis, quen ten xuntados máis medos!, se un polo outro ou o outro, pola súa caralla... Teño por seguro, que conspiramos no mesmo fume, para el, unhas risas, para nosoutros, a banda sonora da medula que atrapa os movementos de cadaquén nunha onda que ten miles de vidros por fronteiras.

Que o meu non é meu, e que non escollo nin con quen vou aprender a foder, nin onde me vai saír a seguinte espiña. Nin a patoloxía que respira na ortografía dos que coma min, fan sumas do que lles asolaga os recreos, segundo eles, en brutais neglixencias, e para nós, parénteses enchidos de masters-do-dancehall que casan con viúvas brancas.

Sei que nas naftalinas dos que non morreron antes dos corenta, vellos de máis!, hai demencias que non envexan aos regos das pegadas dun garfo no pulso co que hoxe me erguín, logo de que a nai me roubase a macela mexicana.

-Que merda queres? Tireina!
-A hostias, matábate!

Mais, non se atreven coma min, a face-los cálculos de que nin hoxe nin mañá, vou ser quen de responder pola vea que me agroma na tempa...

Doces soños, Braga!