Estereotomía

A Francis Bacon (Crucify 2)

Existen invernos secos nos que os purgatorios son algo así como a sospeita de estar nun respirar descontinuo, forzado dende o nariz até máis abaixo dos pulmóns, xerado en deconstrucións analóxicas que se animan entre si cando alguén pasa por diante. Disque algúns teñen algo que contar e suman verbas.

Tamén se maquetan alimentos para os currícula dos que se repiten que na vida dos demais está a súa desgraza, na do que lle roubou o emprego, a parella ou as gañas de se enterrar a carón da autoestrada, antonte niño das cobras que vestiron as súas nais.

E logo veñen os veráns que desbravan primaveras en lumes infinitos e, nos traen ausencias dos que inmatricularon estranxeirías na pegada dos camiños da aldea que van ao cemiterio para facernos coincidir no que non estamos de acordo. Dende o alén do aquí, as historias de cadaquén fanse cinza e lama e, apenas serven para decora-lo fondo de escritorio do aparato que nos instala no fume. 

Entón, o touciño do noso corpo faise filloa e, québrase ao tempo que se enche de balor e perdémo-los ouriños no masturbarse tralo relato de cada un, para desfacerse no que nos convertemos, alguén que aspira nun polvoriño a súa preexistencia.

Así a todo, dá para mirar ao redor, perderse nas linguas alleas e polos argueiros propios; fundirse dentro e, cementarse de mocos até se converter nun bloque de tusigueiras polo que andar na boca da xente, e, para despezarse a si mesmo e logo exixir ao canteiro e a mai que recompoñan a arquitectura do que nunca se foi.

Bo xantar, Genova