Rebentabois

-Pode repeti-lo nome, por favor
-Veñan
-Domicilio? Dígame o domicilio, faga o favor
-Veñan, veñan

No recuncho dos meus setenta e seis anos, hai pouco espazo para os teus oitenta e catro. No mel agridoce do bocado chinés, hai esbirros onde nos encamamos que fan parénteses de mañá cedo até case o xantar. Despois da sesta, seguimos engarzados un no outro, demostrando que os días non cambiaron o que nun deles se nos acabou ao buscar nos outros para atoparnos entre nós. Sabemos que teño un anel apertado no ollo da parte escura da lúa que perdeu a cor dourada, vai xa máis de dez aniversarios que mesturamos a nosas salivas:

-Que pasou?
-Caeu
-Pero, non nos pode chamar por iso

Na estratexia produtiva dos que refán en psicanálises o que quedou atrás, non quedan itinerarios da renda activa de inserción para os que coma nós andan a derrete-las súas peles na espera da madeira acolchada.

Non se poden trenza-las amarras eternamente, así que no canto de contar segundos, contámo-los cabelos que foron quedando na almofada e nas sabas amolecidas nos espíritos que se nos foxen, despois de roe-la cea de sopas arrefriadas no microondas.

-Teñen que chamar á familia

Orfos de fillos, simplifícase o abinstetato nun par de cuestionamentos, un sobre a calidade do papel e outro, sobre a súa dixitalización. En canto ao primeiro, sobran marxes e no segundo os píxeles se deforman nos beizos del. Nos corenta anos de compromiso non contamos máis que cos nosos corpos, e agora, coa cadeira partida e a mente crebada, non se nos ocorre a quen mancar coa nosa falta de presencia.

-Nos non podemos
-Caeu
-Xa

Levas a cor vermella na lingua, unhas pintas brancas nas unllas do apreixo que nos damos nesta noite, xusto despois de deixalos ir, berrando non sei que dos servizos sociais. Na auga das burgas hai unha tona que desengancha as misas polo sanpedro, logo de anoxarte no corpus coa cuñada que era unha muller de bota-los peidos ao entrar no cemiterio, que dicía ela, espantaba cálices tépedos.

Pagado como está o finito dos nosos nomes, por que non ía elixi-lo lugar e o momento en te apertar contra a vida, a ti meu amor, e esvarármo-los dous morte a dentro.

Boas, linda Antuerpia