Ho´ brother

Amence no parkin e no solar quedou algo así como a codia da alma do Xoán. Bébedo como andaba sempre, non foi de estrañar que no seu espírito non tivese tempo para máis, que no máis acá non perdoan un desprezo tan groseiro para co corpo. 

O meu amigo tiña as gasas do pé falmaguentas e o fígado de cor verde. Esgarraba tres veces ao minuto e limpaba o nariz ao longo da manga dereita, dende o cóbado ao pulso. Dende a escopeta social perdigoábanlle nas estrías serradas no seu tronco, ánimos incididos de tenros noxos e pensións arrincadas do salario comunal. No espazo que había entre el e o veciño, os camiños construían bancos de tempo e alimentos, coroados en sacristías a beneplácito de arcebispos e alcaldables. 

Pero era o Xoán moi teimudo, e non arriscaba. Saír daquilo era deixa-lo seu solpor para subirse a un carro de chorimas enchido de toxos que lle terían xeografiado a asistenta e o pañoco. 

Que non hai amigo, como o coñecido, nin leito coma o féretro. 

E fixo o Xoán as súas broullas entre o aquel de non estar máis que o suficiente para ir cobrar ao banco o día dez de cada mes, e de vez, pedir algún adianto e; para entrar no supermercado da Lola a mercar tres botellas e roubar unha. Así até onte, en que o meu amigo espertou na padiola do forense, algo máis seco que de costume.

Moi bos días, Guayas