Blood

Xose espera na estación por riba das plataformas, as razóns polas que Carla se despediu del o venres de Dolores, no comezo da semana santa e, por que non volveu falar con el ata que a atoparon detrás do colector, encollida entre o lixo e desenfundada de realidade.

A pel do seu corpo estaba cheíña de rabuñaduras e no cóbado esquerdo tiña escrito con tinta de bic blood. Segundo ela era o nome da cadela que tivera tempo atrás e que o Antón matara dunha malleira antes de fuma-lo jaco que lle roubaran á Lucía.

Recollérona coma se a varresen e levárona ata o calabozo e alí despois de espila e volvela vestir, gardárona vintecatro horas. O tempo en que aguantaron os berros e as liturxias da ionqui. Para cando saíu tiña as tripas na gorxa e a gorxa no esfínter e o Xose seguía na mesma esquina, esperando a alguén que ela non coñecía e que o estaba saudando dende a outra beirarrúa.

-Tes cambio?
-Nin un can

E foron roubar  viño no Gadis. Logo cruzaron a estrada e tiráronse de costas ao río. Noutrora teríanse bicado e incluso andarían un por riba do outro, pero nesta altura o tranquimacín xa babeaba nas linguas e vomitábase neles.

Colléronse sen embargo na aperta do veleno e, mercaron cueiros que compartiron cos que lles contaban as micras por arrobas, para envolvérense no intre das revolucións enlentecidas coas suores das carnes pintadas de brume.

Se bailas ao compás do envés da vida, igual ocorre que atopas a alguén coa mincha podre e as unllas maceradas que che pode ensina-la interminable agulla do que  cada noite no día, non deixa de vir unha e outra vez. E iso foi o que fixo o Xosé coa Carla, parasitándoa ao chan do mundo.

Boas noites, Groningen