Transbaballa

Dos meus dous ollos pequeniños, un non ve moi ben; nas miñas mans hai nove dedos tortos, fáltanme pelos na cabeza, arrastro a perna dereita sempre cara a esquerda e cando estou contigo teño a sensación de que non se che escapa que levo días pensando que, quizabes cando nos coñecemos andabamos os dous tan bébedos como para crer que hai cousas que cando as miras pódense ver do revés, como as estrías no teu cu, as mamilas invaxinadas ou a cicatriz no meu van. Pero non, por máis que me fixo non podo esquece-los tacóns altos, a minisaia e o suxeitador baixo a camisiña transparente.

Coñece-los dous corpos dáme unha vantaxe, antinatural para ti pero, cheíña de posibilidades para esta barriga de embigo grande, os teus nocellos afiados e para os que nos han mirar cando nolos tres saïamos a debuxa-las pegadas no chan diante dos escaparates, que non hai lugar mellor para mostrarse en días de choiva.

Algúns han dicir que temos as costuras reviradas, que nos faltan acordos na lencería e que non hai espellos que aturen a tres monstros coma nós. Haberá quen aínda replique e desenvaíñe a lingua para mostrala dende un recanto do andadeiro. Porén eu, mentres nos vexo: agarro a miña caralla, lambo nos meus peitos e desenvolvo as medias nas miñas pernas coa intención de bailar sobre as babas dos que coma min, reflexionan sobre os aconteceres do cotiá e do extraordinario.

Boas tardes, Zurich