Propiocepción

Na folla do coitelo hai unha avespa que delinea a estrutura do corpo que falecido apodrece no interior do camión, camiño a Rabo de Galo, diante da casa da Aurora. Xa vai algo máis dun mes que a veciña leva cheirando raro. Igual a raposa entrou no galiñeiro e non levou a presa enteira, ou hai quen puido esquecer algunha ovella no monte e o vento anda a remexer, pensou. Non sabía que podía ser e pediulle ao Lois que mirase por aí. Mentres ela acababa coa cea que, aínda que o olor era grande d´abondo e daba noxo pensar en comer, as nenas tiñan fame.

Pasou preto de media hora, o home non daba regresado, así que Aurora decidiu que as fillas foran ceando, mentres ela miraba de fora a dentro, na espera del. Xa nas doce da noite e, coas pequenas metidas na cama, decidiu saír na súa busca. No camiño de Carpazás, atopouse coa Concha:

-Que fas tan tarde?
-Íache dici-lo mesmo
-Saín mirar de onde sae este fedor

Sen facer alusión a ausencia do marido, deixouse acompañar ata que chegaron diante do tráiler. Canto máis se achegaban máis repugnaba, pero non se acovardaron e abriron as portas sen dificultade. Logo, aos poucos, foron revisando o que alí había, anacos grandes de carne e osos descompostos, tecidos rachados e unha cadeira. Ningunha pista do seu home.

Non tardaron en darse de conta que aquelo que miraban era carne de cabalo, que ía a venderse en Lugo probablemente. O que tardaron un pouco máis en saber, era que alguén pasara a noite bebendo de máis na taberna do Lisardo e que ao regresar, tropezara consigo mesmo e dera coa cachola nun penedo do monte da Corga.

Alí atopouno o Lois, endurecido e frío. O corpo de alguén que aínda que non era veciño da aldea, para sorpresa do home da Aurora, si era coñecido del. Víranse no ano no que ardera o monte de Boborás, no que case morre dentro da súa casa a avoa da Carme, a primeira moza que el tivera. Andaron os dous a traballar nas vías do tren na comarca de Limes. No principio non se falaban, a penas botaban un pito xuntos. Co tempo algunha conversa entre eles, de nada importante, nin sequera de mulleres, que non colleran confianza. Velo alí sen embargo era un lategazo, aínda que levaba tempo sen saber del e que tampouco lle tiña en moita estima.

Estaba neste trance, cando viu como se ían achegando a berros, a Aurora e a que lle pareceu a muller do Eladio. Mirarono a el e ao home do chan: Que tes? A morte... Que dis? Pasou por el e a min díxome: por fin te vexo.

Bos días, miña terra