Incontinencia

Dáme dous motivos para non aforrar en palabras e, despois dá a volta que non teño tempo para angueiras existenciais. Dáme algo que me sorprenda, como dous eles onde debía haber un i grego, unha face revirada cara o sur ou unha escolma de verbas desordenadas na cabeza de Levy.  

Meu amigo, vai o sangue tan afeito a decrecer que, a negación da existencia propia non fecunda e, tan so se sinte o escaldazo da que lle salta unha faísca dende a cociña de ferro. Porén haiche dúas negacións máis, unha na miña vida mental e outra, na rúa que perdeu a choiva polos sumidoiros. Nada que ver coa muller que deitou a súa virxindade perdida, nas escaleiras da casa da nai, nin coa que renunciou ós ollos dun can con pedigree, nin coa que se mergulla ó mesmo tempo que se afoga, nos licores que lle emprestan.

Ó fin, se hei chegar a algunha parte, rogo que sexa antes que a hidrocefalia me roube o presente.

Boa noite, meu Ourense