H(uA)ngry

Alberte está a fumar un chino no sofá da vella, mentres ela vai a vende-las nabizas e a colle-lo pan. Puxo os pantalóns dos últimos catro días, coas súas noites, os que lle colleu ó seu irmán polo sanxoán e, a camisa do pixama do paidefunto. Fóra anda a tronar e dentro escóitase rosmar á televisión. Lorena leva catro minutos dándolle ó timbre. O fillodeputa non abre e, ela está suando a metadona baixo a choiva. Ten a saia e a camiseta feitas unha rolla e no roupeiro xa non a queren ver. Nin alí nin na súa casa, que o luns lle deu unha labazada a nai, mentres o pai lla daba a ela e, aínda que esta vez non chamaron, o pañoco xa a ten avisado. 

A sogra da Lorena vai vender á praza e non quere que ninguén entre na casa mentres non está. Alberte moitas das veces baixa antes desta hora, pero outras non, e hoxe tocou foderse. Detrás da igrexa, a cabrona da Bea muda soberbias por café e prensa. Están o Luís, a mollar galletas no vaso de plástico, e o Xan, a babexar na Voz. Tamén anda a berrar, a medio espir no baño, o Antonio, algo de que deixen de petar na porta que aínda non terminou de se duchar. Querería a moza marchar pero nin ten a onde, nin con quen, así que pide un ducados e lume e sae a escoitar que andan detrás do Alberte. A min que me dis!, responde anoxada e revólvese entre os chuspes dos que lle ladran as débedas e a ameazan con fodela. Acaban por largala de alí e entón ponse a camiñar cara atrás coma os cangrexos até que chega ó seu portal: -Mamá, déixame entrar!!!

Boas tardes belida Leuven