Thousand Souls

Na carreira da lebre do monte hai un segredo que non coñece a loba. Non está nos fuciños, nin nas súas patas, atópase nos olliños inquedos que xiran co pescozo cara tódolos lados. Na do can hai un paso de sombra do home que borra o camiño do seu irmán salvaxe. Ocorre que o Antón é lebre e a Silvia é can, que entre os dous fixeron catro fillos, cada un con distinta animalia. O primeiro engorda coma un porco, o segundo rabuña, a terceira ten as de morcego e o cuarto, como se fose doutra casa, tiña pel de serpe, uns días e de porco espín, outros.

E foi o pequeno, o que se decidiu pola carreira relixiosa. Tanto medo tiña de si mesmo, que ía confesarse tódolos días co cura de Cabeza de Vaca, ademais de acompañalo ós servizos na parroquia. Tiña boa labia cando bicha, pero fuxía da xente nos días de ourizo cacheiro. Na contra do que a súa familia  pensase, que ó coñecía ben, isto facíalle ben entre os fregueses, adoraban o pelaxe cando se arrastraba detrás das súas almas e respectábano cando se envolvía na néboa dos picos da súa derme.

Dicir que era o mellor mozo no seminario, non sería conta-la verdade; de feito a ningún dos prefectos lle gustaba e o que menos ó de estudos; notábaselle nas respostas excesivo academicismo, e non atopaban nel naturalidade misericordiosa, nin para cos que alí convivían, nin para con el mesmo.

Gozaba sen embargo dende mozo, das carreiras detrás da pelota e do caldo, así fose de almorzo, aínda que estar en xaxún non parecía para el un grande sufrimento. Porén, no que se trataba de confesar, parecía te-lo don de convencer de que a súa ausencia na realidade que se estaba a construír, mantíñao limpo de case todo mal, e dera boa imaxe de acólito nas misas, porque que aínda que non era moi guapo tiña o seu aquel, polo ricto conxelado diante do pan sagrado ou cando lambía no cáliz. 

Nunca o colleron fumando, aínda que sempre que podía lle roubaba unhas caladas a don Luís, o médico da aldea, cando subía para arranxarlle algún mal ós relixiosos, deses, a maioría deles, que non se ían coas pregarias. E polo olor non tiña que preocuparse, que trouxera da casa un olor a carneiro que non se lle foi nunca, nin cando o ordenaron diácono salesiano, nin o tempo en que andou pola Etiopía, nin despois no regreso, xa na parroquia de Rabo de Galo.

Aínda así o fillo pequeno da Silvia e do Antón, veu algo máis cambiado que outros dos que xa foran e viñeran, como se lle alongasen as pernas ou se lle inflase o bandullo, que sorprendentemente viña ben enchido da África do sur. Nada máis chegar, arranxou na casa reitoral tres cuartos, un para a súa nai e outro para o sancristán, para cando tivese que quedar a durmir, que era as menos das veces. 

Mandou avisar ás mulleres da comarca por si algunha quería facerse cargo dos traballos domésticos, a cambio dalgúns privilexios e unha pequena parte dos cartos que deixaban para as candeas. 

A nai, que morreu quentiña entre as sabas daquel cuarto, pediulle que non se torcese e que seguise a se-lo que era, que a pesares do que dixeran outros, ela ben sabía que era o mellor que fixera na súa vida.

-Que a pesares do que dixeran, repetiuse sorprendido o párroco de Rabo de Galo, e enterrou a súa nai, coroada pola compaña do bispo e dous sacerdotes, o de Pedrouzos e o de Cea.

En canto amenceu, retirou a roupa da vella e mandou regala-lo todo, dende os panos até as sabas e mantas e ordeou ter abertas as fiestras durante polo menos unha semana e por fin, preguntoulle a Adela se atoparía unha muller que lle viñese todo o día, e facendo entender que se trasladaría a vivir alí. A Adela estrañoulle e viu o seu traballo en perigo, pero ós mandatos de deus ninguén replica, así que buscoulle máis dunha, que tivese onde escoller, para que non pensase que actuaba de mala fe. 

Atopou cinco e entre elas unha moza portuguesa, do lugar de Lindoso, fermosísima, pola que máis dun daría parte dun monte ou algún campo, pero que non foi de primeiras escollida polo sacerdote, sabedor como era das falas que podería provocar. No seu lugar escolleu a unha de Bangueses que coñecía dende nena e que, nalgunha ocasión, a acompañara a escola de paso que el ía a ver a algún dos veciños. Pero a moza, non tiña gañas de aguanta-lo párroco e casou deseguida, así que tivo que volver atrás e despois de pensalo moito, mandou chamar á de Lindoso que apareceu como uns doce días despois no carro dun xitano que andaba a apaña-la ferralla pola comarca. 

Instalouse na casa e aprendeu a face-lo caldo e a tortilla como ó cura lle gustaba, pasoulle o ferro ás sotanas e aireou os cuartos tódolos días do ano, de inverno e de verán. Non houbo queixa até que unha mañá a viu falar cun de Cabeza de Vaca. Aquilo amolouno tanto que mandou matar dous porcos e algunhas galiñas e, tívoa a ela e as mulleres da aldea coa faena máis dunha semana.

Pasada a Pascua, decidiu o diácono que debía facer unha viaxe, mandou preparar algunhas cousas e decidiu pasar uns días en Verín. Nese tempo deulle voltas ós seus ministerios, discutiu na casa de Baños co médico e co cura de Verín, e bateu coa súa cadeira no chan ó esvarar na súa fachenda despois de berrarlle a unha das mulleres que estaba a retira-lo seu nariz de diante dunha das billas.

Co tempo, e xa en Rabo de Galo de novo, foi a peor. Coidaba de ter algo que lle dicir a veciñanza sobre a súa fraxilidade fronte ó pecado, botábaas na misa e aproveitaba as confesións para medi-la carraxe, dependendo da muller que se atrevese a expia-la súa conciencia, que por raro que parecese non eran poucas.

Na casa reitoral as cousas tan foron cambiando cara a rixidez da que se foi envolvendo o cura. A portuguesa ía dun lado para ó outro cumpríndolle a zuna que o ía posuíndo, limpando unha e outra vez a vaixela, cambiando as sabas, cambiando o caldo por polo ou ó revés, a capricho do crego.

No xantar polo San Pedro, na parroquia de Cabeza de Vaca, estando o bispo sentado na mesa, preguntáronlle que tal lle ía coa súa asistenta. A don Ramón non lle pareceu unha pregunta respectuosa coa súa excelencia alí, pero pola contra a el pareceulle interesante. Mai-lo crego non estaba porque a conversa xirase ó redor del, botoulle un lume cos ollos ós que esperaban algunha resposta e agradeceu a indignación do seu colega. 

A pesares disto, a conversa seguiu o seu camiño e antes de que se fixese noite, aqueles homes andaban a falar de mulleres, algún comezou pola súa asistenta, outros pola nai; logo deixándose levar polos licores fóronse despedindo dos amores sentidos de nenos e logo de mozos, bótalle un chupiño, repetía algún, e o noso crego que comezaba a cansar non falaba ren.

Ninguén se decatou até que se ergueu cerimonioso e tentou despedirse. Non te vaias ho´ que aínda non nos contaches ningunha. Pero marchou, máis encabuxado do cotiá e tal chegou a casa reitoral, tanto que espertou á portuguesa.

Teño fame, berroulle. E a muller preguntou temesiña se lle quentaba algo do carneiro que quedara do día anterior ou se lle preparaba outra cousa. Non, non, quero unhas chulas. Unhas chulas, repetiu a muller, e marchou cara a cociña, meteu un par de fachos nela e púxose a elas.

Non era costume do párroco, pero baixou e estivo sentado a carón, en silencio e con cara de can doente. A muller que non tivera tempo de vestirse disimulaba as formas do corpo que se debuxaban a través do camisón. Sen éxito simulaba o frío e o medo co que a sacaran dos seus soños e bautizaba e rebautizaba a tixola co touciño antes de bota-la crema da que se facían.

Cando as puxo na mesa, o crego foille botando o azucre e, mastigou nelas como se levase xaxuando máis tempo que o da Coresma e para a sorpresa da muller invitouna a acompañalo. E alí estaban, a muller que lle lavaba os calzóns e o sacerdote, ámbolos dous lambendo os dedos enmelados no azucre. 

Sabes, díxolle o crego, non creo no diaño. E a serpe achegouse ó chan e varreu as súas babas, recolleu os picos do porco espín e marchou ó seu cuarto para soñar coa mamá que o parira e coa portuguesa que o acompañaba no desexo dende o cuarto onde morrera a nai.


Boa e doce tarde, São Paulo

2 comentarios:

  1. Dá vontade de non saír nunca da historia. Fonda. Inquietante. Fermosa, se calhar como a de Lindoso.

    (acho que há um erro em "Aínda así o irmán pequeno da Silvia e do Antón" , é o filho, não é?)

    Eu, que sou muito de cães, vejo muita perspicácia e lirismo em "Na do can hai un paso de sombra do home que borra o camiño do seu irmán salvaxe".

    ResponderEliminar
  2. Grazas, por todo o que escribiches sobre o contiño e si, tes razón, é fillo, non irmán, corrixido queda... boa finde...

    ResponderEliminar

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena