Hai días tan imbéciles

Canto se tarda en pelar unha cebola? Si a vida é pequena, igual non moito... Que ten para reservar a historia dunha cadela chea de contidos paralelos, deses que soñas cunha parte da fábrica da túa mente e dos que perdes cando o corpo deixa de moverse. Se eu me contase a min mesmo o que supón transportarse de diante para atrás e saca-lo conto da recámara, esa que non sabes que vai disparar cando os teus dedos alcanzan a falar por ti. Non hai cannabis que desenvolva da memoria o que non fixen pero sentín, os teus ollos no bordo do cristal do autobús esperando a que eu baixase a buscarte, a saborea-los teus beizos de marmelo e as orelliñas de rato agochadas no cabelo. 

Coido que foder entre nós sería como afogar na chaqueta de coiro do papá, demasiado grande e máis que de pel, de plástico. Atrás do que non foi suceder, hai un relato que se despega dun cadro de pintadas de papel e brocha e, nos argumentos para organizarnos por riba do colchón hai un par de hostias, unha escrita do envés e outra envolvida en papel de fumar. 

Hai tardes tan parvas que non se deberían tocar, non por non estragalas senón precisamente para mercalas e vomitalas no momento en que as cousas se dan. E de nada vale pensar en ti agora, cando quedaches  dende o outono do noventa e oito, enterrada no soto de cando eu, o Pablo, espertei  no cuarto de Santiago despois de cravarlla no cu. Podería ter tentado despedirme daquela falsa inocencia e non cubrir de néboa aquel recordo, pero non hai segredos tan poderosos como aqueles que se mostran a tercerías.

Laura non tardou en coñece-lo ocorrido por Gloria, que llelo contou o Andrés desexoso como estaba de desenvaiñar. Algo que por forza, non ía facer nin naquel curso nin para o seguinte. A moza que non durmía de amores dende que andaba por min, polo fillo do Xan de Congostro, decidiu naquel intre deixarme ir. E foise tanto que cheguei a Nova Inglaterra e alí casei coa Gloria que me seguira sen querer, amolada como estaba de saber que o Santiago a encornara co namorado da de Carballo.

No final do verán 1911 a Laura recibiu unha carta que lle leron; que ela apenas tiña aprendido a arrastrarse detrás do carro e por riba das medas. Nela lle descontaba os amores que puideron ter sido e lle daba os parabéns pola cuestión do casamento co Eladio. Non lle mentei aquela noite co Santiago nin dos murmurios sobre o pequeno que foi nacer setemesiño. 

A Laura escoitouna unha vez, e logo varias máis en canto o fillo aprendeu a ler, até que soubo que a Gloria quedara viúva. Entón colleu o papel e foino enterrar diante do nicho dos meus avós, onde dende entón rezou un responso cada ano, polo meu aniversario.

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena