Folerpas

El non so a recoñeceu en canto a viu, senon que todo o seu corpo se arrepiou. Ela, apenas o mirou un pouco ó final da cea, cando no estómago, as burbullas do Reymos latricaban entre elas. Saudouno sen entender que as hienas case sempre se agochan até que os demais xa teñen marchado.

A maior parte das veces estes animais fan favores pouco comprendidos, pero Raquel non era desas e a pesares do que logo sucedería, haberíallo agradecer. Non foi nin aquela noite, nin no par de tardes de viños de despois, nin sequera nos asentos do seu automóbil, nin no cuarto de seu que tiña alugado detrás do Parlamento, preto da oficina de emprego.

Tampouco foi ó verán seguinte, mentres ela remataba estudos de Antropoloxía en Barna e el corría cos gastos da excursión de fin de curso do seu fillo máis vello. Nin no cabo de ano do compañeiro de piso dela que morrera dunha trombose, nin na entrevista de traballo da nova administrativa da compañía del.

Nin penses, que foi unha noite que se atoparon no Garum, mentres o home ceaba coa súa muller e ela cuns amigos da facultade, e moito menos cando se cruzaron na praza de Pontevedra e el non a viu. E tampouco cando no supermercado, el recoñeceu o sabor dela entre as mandarinas e o pirixel.

Sucedeu mentres ela almorzaba chocolate co fillo que acababa de mercar na África, mentres apertaba o seu corpiño para fundilo no seu corazón.