In-femia

A poeta chuspiu os seus complexos diante de media ducia de mulleres, ás que aborrecía, como facía comigo. Lola tiña un par de noxos agochados entre as pernas e a alma. Nun deles apertou a barriga e se desfixo de si mesma para crecer en peitos e miolos, para defenderse das perturbacións das etiquetas que lle puñan prezo ós centímetros dos seus tacóns, eses que lle axustaban á deda sen unlla do seu pé dereito, ó anel do seu amor estéril. Na súa escrita resoaban fondos escuros de meles acedas, duras coma pedras imposibles de derreter. En cada unha das súas verbas, un apósito bautizado no sangue que perdeu cada vinteoito días, no calcio que tivo cravado nos ósos até hoxe. 

A lagarta non gardou nada nas súas tripas e cagouse nos demos e nas bruxas que envelenaron a súa existencia dende que a imaxinou.