Atallos

Os lenzos repíntanse na escola de artes e os alumnos máis novos aprenden a diferenza entre as liñas tortas e os tremores do lapis ó racha-la tea. Unha das mozas non perde o pulso mentres o profesor a machuca contra a parede, entón as cores perden a fermosura no ulir dos retretes, porque hai sensacións que escorrentan músicas doces e compoñen danzas que non se esperan antes de cumpri-los dezaoito. Logo xa non importa, pero entón as amigas pérdenche o respecto e falan contigo so para que non llo botes na cara e os rapaces míranche como se che coñecesen de onte pola noite. 

Existen moitas maneiras de desprezarse a si mesmo, e o Lois facíao aspirando xiz e borrando o seu sexo no historial da internet. Así cando viu á rapaza na clase de laboratorio non pensou que despois se cruzarían no corredor e que se pararía para pedirlle as chaves do seu despacho. O xefe de estudos tiña nos seus caixóns os cadernos que a súa predecesora lle quitara á nena de terceiro be. El non lle deu importancia até que a atopou rebuscando nos estantes e, sorprendida lle suplicou coas mans no fondo dos seus petos.