Herba mate

Imos ver, se eu teño dúas moedas de prata e un pouco de lama aforradas ó tres por cento de interese, que é menos que catro pero máis que dous; se teño un terreo en Córdoba, na autoestrada de Rosario, no que garda-lo meu fogar nunha caixiña de madeira de carballo, se merquei un carro con dous bois e andan a empurra-lo meu sangue polas américas, pra que necesito falar coa Odulia e pedirlle prestado a súa cama. 

Podo alugarlla, ou non? Que a súa cona non pode valer máis que a da Macarena, que por riba ten pinta de ser máis pequena e arrubiada no corazón. Pra que, entón? 

Sabes, na miña casa, detrás do comedor, estaba o cuarto onde se gardaban os camisóns da avoa, alí soaba a radio mentres me vestía diante do cristodosagradocorazón, había un locutor que tiña a voz dun anxo, non era de aquí, que che sei, a min parecíame do Porto, as veces, chuspía algunha verba en brasileiro e despois cantarexaba un pouco a canción que ía por, e eu non pensaba, abría ben os ollos e daba voltas, e comigo, o viso e a touca.

Entón non sei, danzar coma un tolo, non che era pecado, e as miñas cousas estaban enterradas, con foto e todo, nun nicho do terceiro andar, no corredor número catro do cemiterio de San José, así que máis abaixo non che cría en acabar, non máis que da vergoña de cando a Odulia me chiscou un ollo, despois de pillarme co nariz na bragueta do Eladio, o de terceiro .

E dende aquela nunca máis, so alquimistas espidos de sombras e agochados no aparador que fixo o pai moito antes de estraña-los seus azoutes, antes de que virase a Paraná e se perdese. Monecos que ulían a mate e se deixaban humillar no matrimonio alleo e que de vez subían á casa da Macarena para darlle polo cu, que así se sentían máis homes.

Que hai que gardar? As miñas cousas xa as viron o meu can e a cabra tola da Odulia que non deixou de teimar na miña vida até hoxe, no día do noso casorio, seis meses antes de ser pai do bastardo doutro.

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena