Que volvan

Son as miñas tripas que ó abrirse están cheas de merda. Para algúns valen as tintas que me fan escribidora, pero eu penso que mellor dedicámonos a vivir que boa ou mala, dura o que dura... Unha soa liña, digo eu, non merece a pena, pra que... para encher os estantes dunha cultura baleira, co contido dos intestinos?

Non te ofendas se me escoitas dicir que a maior parte dos libros que lin nos últimos anos non me significan nada... Nin sequera as verbas que dedica o meu pudor ás deliñantes que polos camiños, coñezo. E ás veces afógome na angueira de perder tempo e outras, nas historias non lidas ou pior, nas lidas a medias...

Se puidese inventar unha nova forma, aínda que non ocupase máis que un díxito, unha sílaba, igual si, igual chuspiría a miña soberbia por riba de min, e ala! que fillos nin teño nin vou ter... Aínda que sexamos francas, querería que durase máis a miña banda sonora... Pero nin dunha forma, nin doutra... Porén se fose capaz de conta-las cousas tal como as vexo, igual para facerllas ver ós cegos de condición... Pero nin unha cousa nin outra, e non sei, pero témome que como o siga tentando voume perde-lo conto... 

A lectora que fun e a que agora non sei se volver nin como, andaba igual, a perderse na vida. Como o home de onte no bus, do que me estorbaba o seu olor a tabaco e o seu falar de soidades... Ou a muller-nena a que lle estorba o pai vello e enfermo... E mentres tanto a toda présa corro, corro e corro, cara ningunha parte na busca dunha estratexia a non sei onde...

Pero, a todo isto... e as risas sufridas da adolescente, onde cona as perdín?