De mel e veleno

Ía desface-lo o novelo e vai e me atopo cunha araña. Andábase a refregar nunha abella, que despois de levarlle o encargo á raíña volvera a por máis e que, coma min, esquivara ó Andrés e á Soralla. Ámbolos dous víñanse a min pola corredoira da beira do río e eu, que non teño moito corpo, fuxín cara o monte de San Pedro que che está ben acastañado e ten os ourizos aínda punxentes. E alí andabamos a araña e eu, ela con traxe de raias e eu envolvida na lama. Primeiro pensei en sentar xunto a ela e logo en machuca-la co polgar, pero en lugar diso fiquei queda, espreitándoa sen obxecto ningún. Pasara algo máis dunha hora cando alguén me empurrou polo lombo. Que fas?, berreille alporizada e tentando erguerme do chan chea de lixo e arrabuñada... Que fas?, volvín repetir cando se botou a min e sentín como me esmagaba por riba dos bichos. 

E desta maneira máis vendida que outra cousa, pechei os ollos esperando que me acariñase a face, as pernas, o peito e, que me lambese o castrón que levaba enrabiado no seu espírito dende que casara coa Delfina. Porén diso, mordeume o lóbulo da orella, sacou a navalla do peto e arrincoume un puñado de cabelos. Logo, chuspiume por riba da saia e marchou.

Sen entender quedei alí, emporcada nas fendas que debuxan o meu sexo, e, vin como aquel insecto saía dalgunha parte do meu corpo para dicirme que para outra, muller, xa estás para outra.