Adiós papá

Lambeu o roncola que caera na mesa como si tal cousa e, logo virouse para me sorrir. Non pensei, en mil anos que tivese vivido, que aquilo houbese de suceder. Vela espirse diante de min foi como unha volta nos coches de choque de cando ía cos irmáns ás festas do Corpus, duraban demasiado pouco. Mirábaa mentres pedía por dentro que fose amodiño, pero aquela muller estaba demasiado bébeda e arrincaba a roupa, a súa e a miña, coma se fose un chicle pegado nun zapato.

Pregunteille si quería algo máis e antes de acabar de dicirllo xa se estaba a servir outra. Dubidei, tal como estaba, si metela na ducha, pero tiña medo de que me fuxise, así que arrinqueina do sofá e, sobre os ombreiros, leveina até o cuarto.

-Que buscas?
-Un chisqueiro
-Fumas?
-Hoxe si

Colleu o paquete que viu na mesiña e prendeu un cigarro como se o lume fose unha corda entre nolos dous. Pensei para min que como o facía a filladeputa para que toda ela me seguise a cativar como facía vinte anos. Collinlle o pito, biqueina e botei unha calada:

-Tardábasme, musitei

Entón pensei que ía me chuspir na face cando comezou a debuxar circuliños co dedo índice nas meixelas, e coma distraída, respondeu ós meus beixos. Está de máis dicir que non eramos o que fomos. O olor dos nosos corpos respiraba a perfume de domingo pero a epiderme levaba as marcas dos pasos dados dende a primeira vez que a soñei. Feito un home de poucas verbas despois de crecer como un neno sen elas, espreitaba cada unha das liñas dos nosos ósos esperando que os meus non se fixesen anacos naquel intre.

Nestas cousas nunca tiven valor, casei coa que me logrou convencer que de perdela non ía soltar moito lastre, salvo as dúas fillas que me deu. E nin con elas se me desprendeu cando me separei, a sombra das vidas anteriores, tan a gusto como quedo cando á mantenta fago por lle retarda-la pensión.

Pero Teresa era terriblemente diferente. Sempre lonxe, aínda que me arrodease dende a nenez até a época en que, arrastrando os estudos, coidaba de non perder oportunidade de vela. E así, quedaron sen rematar a carreira e os únicos cariños que fun capaz de lle dar no Nugallás, entre partidas de mus e estrellas.

Anos ha, comezaban as lerias xa de mañá, no bar do Amancio e ían avanzando a prazos cara o lusco e fusco, dependendo do preto que estivesen os exames. Coidaba a rapaza del ternos o café pronto e un biscoito per cápita e, de non interromper cando o Lisardo e eu discutiamos, nin sequera cando chegabamos as mans e o seu xefe nos botaba á rúa para que coa auga da choiva, apagásemo-la rabia.

Nunha desas aproveitou a Noelia para acompañarme o piso que compartiámo-los rapaces na costa de Xelmírez. Non souben dicirlle que non e dende aquela noite tiña dona. A min non me pareceu mal, a súa familia tiña cartos e sobre todo, non me custara nada. Logo cando xa levabamos tres anos, os pais mercaron a farmacia e ós cinco, fixémo-la cerimonia e a primeira nena, a un tempo.

Todo aquilo foi desaparecendo. Deles, quedaron o Lisardo, o André e a Almudena e algún máis co que cear o último sábado antes de Nadal. E foi sobre as catro da mañá, nunha versión do antigo pub Limón, chamada Atlantis, onde detrás do gintonic e baixo unha sintonía revertida dos anos oitenta, me viches. Boh, viches o Carlos e despois soprando no teu lombo, atopácheste comigo. Deseguido os teus ollos pareceron desencadearse cara algunha das persoas que danzaban ó noso redor, calquera delas menos a min pareceron berrar, aínda que da túa boca saía un ola, canto tempo, que é da túa vida...

-Tes?
-No caixón

Pouca cousa na miña vida, nada que me fixera tremer como aquela muller. Tanto te amei e tantas veces, que téndote aquí diante dásme medo. Porén, agora que te vexo ciscada entre as sabas, co cu empequenecéndome, simulando seguranza; contéñome nas babas do diaño que hoxe se camuflou en ti, e, devolvo en náuseas, temesiño dunha realidade que non, non, me pode superar.

Non aquí, non contigo... que te teño, en segredo, entumecida no corazón e, xa vai sendo horas de me liberar.

1 comentario:

  1. Se mo permitises, diríache que me parece un relato marabilloso.

    ResponderEliminar

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena