1

Hai uns que suman, outros sen embargo andan soltos e, na casa da Corgha, os tres irmáns son máis ben dos do segundo grupo, aínda que eles non o saiban.

Empezando polo do medio, o Xacobe parécese ó pai. El vai faghendo sen darlle explicación a ninghén. Así, si algún dos outros decide retellar hoxe, el nunca di que non pode e, se tiña pensado quedar co Ramón para ir de putas ou axudar a sementar, o home acaba cadrando  as cousas sen máis.

É o irmán maior máis mandaruco e menos disposto a dá-lo brazo a torcer. Ten o Luís a teima de organiza-la vida da casa e decidir sen consultar. Segundo o seu pensamento, así é como lles foi ben a todos, pois dende que faltaron os pais, foi quen de turrar polos tres.

E non falta o Camilo que pasa o día berrando, porque contando a verdade, todo lle ofende, a condescendencia do primeiro e o autoritarismo do segundo. E cando ve que se cruzan os camiños entre eles, bota dous carallos e mándaos a tomar polo cu a todos.

E así van os tres, pola mesma autoestrada, as máis das veces, en sendeiros diferentes.