Diser(t)ando

Teño un cravo cravado na túa mesa e, non é para non miralo senón para estudar a necesidade de que o falemos ou decidamos si o deixamos así. O caso é que a punta non destaca moito xa que fai un buraco pequeno, pero chega a molestar e por iso igual deberiamos pensar cal sería o seguinte que imos facer, se arrincalo ou metelo máis fondo. A min non me importa demasiado neste momento, aínda que no seu tempo si que che insistín polos fillos, por si se puidesen danar. Pero agora que van sendo grandiños vena ben e saben como evitala. Parece que o traxe que fixemos entre ámbolos dous disque esgazou algo e, non sei se rachalo de todo ou darlle unha puntada. O de coselo non me atrae moito xa que estou algo cansa pero se queres probamos un tempo porén o de toda a vida si que non...  Porque as puntas espetadas nas almofadas non deixan durmir e arrincan bágoas dende os ouvidos, que se non te coidas de vixiar e apoias a cabeza e os ombreiros poden secuestrarte os pensamentos e, deixar as costas ó descuberto dunha punzada á traizón daquel que onte me dixo que era meu e que eu era súa, en nome da canónica idea herdada do vulgar entendemento sobre o amor engarzado nun sortilexio de ouro nun dedo máis pequeno que o que entendemos sobre a posesión. Atreveríame a botar as culpas fóra, pero iso sería mentir e non poderíamos avanzar no que hoxe me ocupa que é responder cal debería ser a sentenza xusta para unha muller que se deixa levar polo consentimento social e que, agora espera que lle rendan vasalaxe ás feituras da mártir no cadaleito. Mais non as das vergonzas que rabuñan o cotiá das padiolas, xa que vestimos roupas dende a nenez que prenderon un encantamento no que chaman familia que a converteu nun bloque de cemento madurado en area no que as lealdades finxen superestruturas de defensa como niños debuxados na fe.

1 comentario:

  1. Fermoso, moi fermoso.
    Fondo, moi fondo.
    Dicía Italo Calvino que un xeito para subsitirmos no inferno é volverse parte del, ata o punto de non velo xa.

    ResponderEliminar

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena