Noite no Volkov


Colleu o billete e non lle deu máis voltas, de todos modos non tiña moita importancia que a viaxe fíxese unha parada en Barna e non en Baraxas, o que lle metía medo era a chegada a Yaroslav dende Moscú. Nunca estivera en Rusia e non tiña nin puta idea do idioma, o que facilitaba pouco o camiño, pero León falara cun amigo que coñecera en Dresden e este aceptara acompañala a cambio de pagar o gasto de coche e quince días no piso de aluguer que lle buscara a empresa.

No aeroporto catalán tomou un café cun bolo de crema e leu a prensa do domingo, porque non había libre ningún periódico do día. Leu no horóscopo que os cáncer tiñan sorte no ámbito sentimental, cunha  sorpresa dunha antiga amizade e sen problemas de saúde. Do diñeiro non mencionaba nada pero Lucía sabía que durante uns meses ía ter que xestionar moi ben as nóminas.

Todo foi ben até a capital, alí recoñeceu sen problemas ó amigo do seu amigo, aínda que na foto do facebook tiña unha roupa máis lixeira e non embutido na de inverno, incluída a parka verde , coa que a saudou. Bruno achegouse a ela, e ela lle respondeu cun sorriso, para logo escoitar algo sobre o frío, a cidade e os taxis.

Deixouna nun cuarto do hotel Cuba que daba a rúa dunha barriada ás aforas e aínda que pequeno, estaba bastante ben. Na cea servíronlle unha sopa e despois un guiso. Aínda que tiña fame, non lle entraron máis que unhas culleradas do primeiro prato e un nada da carne. Despois subiu e quedouse durmida nada máis deitarse. Pola mañá, almorzou o que non ceara e esperou polo Bruno, que chegou en taxi un par de horas despois. Traía os billetes e meteu no coche a maleta da moza xunto cunha bolsa del. Na estación a moza seguiuno e sentouse o seu lado. Volveuse a quedar durmida e para cando espertou xa estaban en Yaroslavl. Ó chegar decidiron xantar alí antes de saír para a cidade e logo tiraron das súas maletas ata o piso que lles buscara a empresa. O chofer díxolles algo sobre o supermercado e o parque, ou iso lle pareceu a moza, e deixounos media hora despois diante do portal dun edificio branco e rosa, de cinco andares. Nel xa estaba a esperalos un home de bigote e pelo gris para darlles as chaves. Subiron até o terceiro, entraron no piso e despois dun rápido percorrido por el, desfixeron as maletas. Despois Lucía pediulles que a desculpase e foi descansar ó seu cuarto. Bruno saíu co que lles alugara a vivenda e non volveu até as oito. Traía con el varias bolsas de supermercado, ordenounas na cociña preparou a cea. Mentres comían explicoulle que ó día seguinte a acompañaría a oficina e que mentres estivera no traballo el xa buscaría algo para facer.

O día seguinte, a muller ergueuse sobre as sete da mañá, duchouse e fixo un café. O non sentir ruído, media hora despois decidiu petar no cuarto do Bruno. Ninguén respondeu polo que entrou e atopou o cuarto baleiro. Primeiro pensou que igual estaba nalgún outro lugar do piso, pero nin viu nin escoitou nada, logo que tal vez saíra e esperou uns quince minutos a que soase o timbre. O tempo pasou  e alí non apareceu ninguén, decidiuse a prende-lo ordenador e buscar entre os arquivos  a dirección da empresa. Escribiuna nunha das súas tarxetas e baixou a rúa pensando en como atoparía  un taxi.

Non se deu conta que se perdera até que chegou a unha praza e se sentou nun dos bancos de pedra. Mirou arredor, non parecían as oito da mañá porque a noite non acababa de abrir, comezou a temer  por ela, polos que a esperaban no traballo e polo Bruno e viñéronlle as gañas de chorar. Parou cando cansou e se fixou no edificio que tiña en fronte, un teatro amarelo e branco, e camiñou cara el como cara unha cova no medio do bosque. Dentro chamou por alguén, buscou a cafetería e as máquinas expendedoras, despois de facerse un café e roubar algo para enche-la barriga dispúxose a percorrelo. No seu paseo por fin escoitou como se alguén borboriñase e alá foi na busca deles. Subiu as escaleiras, repasou os palcos, mirou nos baños, nos bastidores, na platea... Foi entrando en cada unha das pezas do lugar porén a conversa parecía fuxir por algún oco. Aborrecida de persegui-las pegadas sentou nunha das butacas e quedou durmida. Non pasara moito tempo cando espertou volvéndoos a sentir, dándose de conta de que estaban a berrarse. Lucía pensouno un pouco, e por pudor,  decidiu quedar onde estaba. Pero entón notou como a conversa non fuxía, senón que parecía achegarse e rodeala. Escoitábaos como se estivesen nos corredores e logo parecían chegar dos camerinos, incluso oíaos como saíndo das lámpadas do teito. A moza chamou unha e outra vez por aquelas voces pero seguían sen responder.

Viñéronlle as gañas de mexar e con bastante medo foi cara os baños, estaba a subi-las bragas cando de súpeto, viuse en fronte dun home que parecía militar. Estábaa a apuntar cun fusil e chuspía ó tempo que a ameazaba. Entón sorprendida e máis asustada, Lucía berroulle o descubri-la bandeira no seu casco: Español? Es español? Ó home non pareceu que lle importase o que a moza lle tentaba dicir e respondeulle cun Tira para diante, fillodeputa!

Sen entender, camiñou cara o escenario e sentouse nunha cadeira, tal como lle indicou o soldado: Vaia cabrón! repetía para si mentres achegaba un pito a boca. Lucía pensou que o home estaría bébedo e que coa aquela luz tal vez non se estaba a dar conta do erro: Señor, non entendo, eu perdinme, igual, vostede... Cala! E deulle unha hostia que a deixou fóra de xogo por uns intres. Cando volveu en si, non viu a ninguén, entón aproveitou para buscar a saída, pero cando estaba nun dos corredores escoitou de novo a voz do soldado. Apurou o paso, pero o corredor non parecía rematar, e despois cando pensaba que ía para a entrada, acababa no palco ou no escenario. Esgotada pensou que cada vez estaba máis lonxe de fuxir e decidiu deixar de camiñar.

E entón diante dela o soldado de uniforme gris empurrouna cara os bastidores e alí no cuarto dos actores apuntoulle á caluga. Cos ollos pechados pensou no lonxe que estaba de ningunha parte, incluso de si mesma, un pensamento estúpido sobre todo para aquela situación e entón deulle por sorrir. Sentiu como arma se separaba da súa cabeza, incluso lle pareceu escoitar como os pasos daquel home saian do cuarto e cunha pequena sensación de alivio, abriu os ollos.

Pero despois diso, sentiu un arrepío cando de súpeto descubriuse nos espellos, a súa cara cambiara non era súa, nin o corpo, nin as roupas tampouco. Lucía angustiada viuse igualiña que o home que a perseguía, aínda que o uniforme parecía algo diferente, como marrón. Fedía a mexo, a humidade, ó podre que lle saía dalgunhas partes da pel. Nos petos tiña un par de coitelos, granadas de man e máis cousas que non sabía moi ben para que servían, e, no lombo levaba colgado un fusil. Botou entón a correr cara ningunha parte e escondeuse, esperando en silencio.

Escoitou pasos por tódalas partes, máis que dun home, parecían mil, pero no cuarto so entrou el. Ámbolos dous, un fronte o outro, miráronse e logo dispararon sen, por suposto, saber por que...