Cordóns

Lucía non pensou en calar, pero a compañeira avisouna e fíxolle caso. Deixou a lingua debaixo do padal e, iso lle empedrou o sentimento. A xenreira creceu en proporción a distancia entre ela e o nariz do home do atril. Estivo por saír pero as súas pernas conxeláronse na butaca. Facía calor no salón de actos, pero non o suficiente como para derreter que era o que lle pedía o corpo. Entón viu ó Miguel. Entrou como disparado da nada e botoulle un sorriso de si tiveras un momentiño. E claro que llo aceptou. Saíu do cuarto e, esperouno na cafetería mentres sorbía un café so con dobre de azucre. El non tardou máis de dez minutos, rouboulle un anaco de biscoito e preguntoulle se lle apetecía un paseo. Camiñaron un pouco, e non soubo como, pero seguiuno á pensión. Por riba do cobertor, uns poucos libros que acabaron no chan, na mesiña a carón da cama, un cinceiro cheo de cabichas e por riba da cómoda, uns zapatos de cordóns.

Lucía sentiu os aloumiños detrás das orellas, nos seus cabelos, ó redor das mamilas. Refuxiouse nos beizos e apertou os xeonllos as nádegas do home. Lembrou porén, naqueles intres, aquilo que a desfixera na voda del, o que inclinou a balanza na súa contra e a súa posición na actualidade. Non lle gustou verse enganada de si e, máis aínda que o espello daquel cuarto so fotografaba o que a escuridade lle deixaba. Suficiente como para sentir vergoña, un rubor gustoso que ulía a marmelo de mazá.

A sangue que percorre os dedos debuxa intencións de traizón. Pero non a ninguén, a si mesma. Coitadas as angueiras alleas, que non silencian os xemidos dos amantes e é que: Nada hai detrás da almofada que importe e aínda así, mañá se me chamas, tentarei non deixar de acudir ó berro da necesidade propia. Está a miña pel atada con cordóns, como os choros da viúvas sen orfos, que rotos, entende que perdeu o que nunca foi seu.

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena