Rumbe-ando

Descontrolo so con saber que o teño preto. Arrepíome da súa compostura. Hai cuestións que non se desfán con que pase o tempo. A súa amargura non me vai derrotar. 

-Tes tres días, tres días!

E marchei recollendo todas as miñas cousas, ata a esponxa levei. Logo ocorreu que me deixei caer e non me volvín a erguer até que o corpo se desconxelou. E agora que te vexo de novo, doume de conta que tes os frontais algo máis amplos do que lembraba e máis parece, que perdiches pelo.

Na adega do Eladio xunto ós baños vai moito ruído e, como son de escoitar todo o que acontece ó meu redor, pídolle o meu acompañante e a camareira se podemos cambiar á terraza. Detrás de min dous homes vestidos de schnauzer, un deles anano, espreitan ós que teñen na mesa da dereita. Cuestiónome se o vaqueiro rachado ten que ver co medo á perda da inocencia ou da rebeldía. Non importa en realidade, e de todos modos, non me vou a achegar a preguntarcho. 

Seducir ó xabaril que teño diante non levou tempo. Unha serie de series de xogos de mesa e algún que outro deporte, no bar de enfronte da oficina, no da praza de Pontevedra, no cine da área comercial... Se paro de farfallar e me deixo levar igual esquezo o que a ti e a min nos rompeu, unha media ducia de veces polo menos. O que daría por volver cambiar de mesa.

Os erros alimentan a xenreira, cuspen sucedáneos de tres chocolates (un deles negro e amargo) e quentan a miña cadeira. 

-Un xeado?
-Non, un batido
-Un batido?
-De amorodos cunhas gotas de ron
-Iso e un café so, grazas

No luar desta noite, os pes esvaran e a nena que sigo sendo vai a estoupar en calquera intre. Por iso cada unha das copas vai máis envelenada e a sexualidade convertéuseme nun pano cheo de mocos. Xa non teño idade. Repítome mentres espero que eses fuciños e rabo seus, saían do meu colchón.