Burbullas

Amence e non fun pola auga. Queda unha pouca na garrafa, pero os zónix hana precisar. A femia vaise enfadar comigo e non me vai deixar durmir. Pois, vai. Pero aínda é noite e fai frío. Non vaias. Xa. Escoitas? O que? Son eles, veñen arrastrando os seus esófagos e, crebando as espiñas. Vale, vou. Fai como queiras. Merda. Que pasou? Atopeina na fonte dos Catro Ollos. A zónix? Si, non puiden collela de alí. E que vas facer? Coller unha noz e que me leve a Castrelo. Pero alí a auga é amarga. A zónix non lle vai importar. Dis ti. Pois, non me queda outra. E por que non sobes á Cabaza. Porque os penedos son como agullas. Podes levar o meu escafandro. Dáme noxo. Ti saberás, pero quedan dúas lúas e media e non saíches do Patio. Corre! Collóns. Trouxéchela? Si, pero tras miña, todo o tempo, unha delas. Vaia. Quédame a metade do que carguei. Inda bo foi que non a transformou toda en vapor. Pero, viñeches polos desertos? Pois… E onde a metiches? No escafandro. Estás tola! Que ía facer, bebela e logo mexala! Xa entran. Véxoos. Que enchedela se se puideran comer… Xa. O anaquiño dunha das ás. Cala! Para o que lles fan falta. Víchelo. O que? O pequeno. Vino, e que! Ten dentes. Como dentes? Parece que lle saíron dous caninos. Carallo! Anda a mirar cara nós. Deime conta. Aínda así, mordía nel. Mudou a cor. A cor? Das unllas. Si, mira ti, voullo ter que dicir a Lorena, igual lle gusta para ela. Ti, es parva! Paréceche? Non nos quita ollo.  Hostia! que fixeches coa auga da garrafa? Eeei, maldito bicho! Aparta! Que pasou? O zónix! Que fixo? Pois confundiu o amigo cunha mamadeira. Como? Sorbeulle a auga que o lambón bebeu. Meu deus! E agora? Nada, quedou coma o papel. Que lle imos dicir a nai? Que morreu en acto de servizo. En acto de servizo? Custodiando a auga. Pero, si a bebeu. Pois iso!