Aturuxos do monte*

A escornabois tiña pouco tempo: Que fas? Xa ves, buscando niño. E ti? A esperar... e ese castiñeiro, non che vale? As súas flores feden... Alá hai algúns carballos e no río, sabugueiros... Moi lonxe.

Despois desta curta conversa, o moucho branco e a escornapitos negra separáronse sen máis. Na viaxe da pequecha tropezaron ela mailo formigueiro; ela faloulles, pero non contestaron. Entón borboriñou mandándoas até onde durme o diaño e, continuou amodo, parando por tres ou catro veces antes de chegar ó penedo da Moura.

Sentiu un estrondo non moito máis abaixo de onde xa estaba. Algo caera a un salto de can dela e arrolaba polo monte: Vaime esmagar, díxose mentres apuraba un curruncho. Diante dela un mozo comezou a revolverse sobre si mesmo. O curuxa que non a perdera de vista, non tardou en achegarse. A escornabois aproveitou e meteuse, chea de medo, nun dos petos. Ós poucos, o cazador ergueuse algo mareado polo golpe e, fixouse no paxaro.

Aquel ollar non foi ben recibido polo bufo que non tardou en voar cara as Cortiñas. Mentres o mozo prendía un pito e tentaba sacudirse. A vacaloura muda, atreveuse a mirar un pouquichiño cara fora. Logo enganchou os cornos ó tecido dos pantalóns e deixouse caer ata o xeonllo, mollándose co sangue do home e sentindo como coxeaba da perna dereita. Para entón xa se decatara de que dependía do rengo, que non parou cando chegaron à Moura e, que despois de coller algo no chan,deu a volta. Daquela, decidiu saltar.

Tan mal foi a caída que rompeu un corno. Coa dor perdeu parte da conciencia, aínda así deu cun carballo no que pousa-los ovos e deixouse morrer. Estando niso, escoitou un disparo,  unhas ás baterse e un bico tronzar o pouco que lle quedaba de corpo. O moucho, pola súa banda, esbarrouse coma un globo ferido por unha frecha.  Xa na casa, o home tirouse cansado na cama. Mira como ves!, berroulle a nai. El non tardou en fuxir das voces para meterse no baño. Nel, debaixo da súa roupa, viu as rabuñaduras.

Que merda é esta? Teimou a muller axitando no corredor o que quedaba do bufo. A vinganza da vacaloura, respondeu.

*Publicado na Voz de Galicia