Daquelas choivas

Ós meus mortos:
porque trona e non escampa

Baleira as alforxas no 78,
cheas como estaban de vergonzas propias e alleas.
Serpea no claustro dos, en vida, venturosos;
secas como quedaban as liberdades nas medas.

Coxea lonxe da xenreira dos poetas,
de Compostela a Madrid, en tempos mozos,
a Compostela dende Madrid, nos espazos novos.

O león de Montenegro, deixa fillos e sobriños;
de Santiago a Filipinas, naturais e políticos.
E orfos e viúvas no Monte de Piedade,
que esperan se lles reembolsen os ósos e a maldade.

A aguia da alianza devolve Londres e, aspira a un ministerio
de medallas, cruces e doutoramentos.

Autoidentidades conversas
nas rúas súas de Europa, na atlántica fisterra.
AP-9 entre os marcos dos minifundios,
voos directos á diáspora.

Vacas tolas no prato,
chapapote no colacao,
gaitas que berran axeonlladas na dereita de Fidel
e, mergullos no azul dunha bandeira porfillada por el.