En esencia

Xunto ó río Limia hai catro penedos -en realidade hai máis, pero eu falo destes que miran a Rabo de Galo como se fosen a rebentar-. Circula a auga diante deles como se estivese a dicir ´´enfastiádevos``. E no fondo está a presa, cuxo valado ben parece que se rise de todos, dos penedos e da auga. Ramón fai o camiño tres ou catro veces ó día e pensa nisto cada vez. Chegoullo a contar a Nela, pero a ela todo iso lle parecen parvadas. 

Polo san antón do ano pasado, os rapaces subiron até alí e ó baixar, a altura do souto, na terra da Adelina atoparon ó Fernando aforcado nun castiñeiro. A moza quedouse mirando para el, sen moverse. O Castor e o Eladio tentaron, o primeiro dende abaixo, o segundo subido a póla, afrouxarlle a corda, pero xa estaba feito. Namentres o Ramón botou a correr e en canto chegou a aldea, os berros resoaron por tódolos recunchos. 

Axiña a nai empurrou a Nela e pareceu que ía afogar ós pes do mozo. Agarrouno como si fose unha troita que se lle esvaraba nos brazos e non deixou que ninguén se achegase até que a garda civil e o home da Elena tiraron dela e, a el o meteron na ambulancia para levalo a Ourense. O forense botoulle unha ollada e asinou o que xa se vía. Pero como dixeron ´´o andar nel`` tiveron que darlle un par de voltas antes de que o certificaran como defunto por causas libres de sospeita. ´´Que non hai que tocalo``, repetiulles o sarxento ó Castor e ó Eladio, no tempo en que eles lle respondían no cuartel sobre o acaecido.

A funeraria devolveullo ós seus pais e deixóullelo no salón da casa por un par de días. Aquel lugar ulía a sopa e a candeas e ós homes e ás mulleres que lle foron a dálo pésame. Así a Rosa cheiraba a xabón feito na casa, o mesmo que os seus nenos. A Antonia levábao mesturado coa nivea. O marido da Soledad non deixaba de ulir a viño por moito traxe que levase e os zapatos do Camilo fedían tanto que parecían do can. A colonia da Xulia mandou a cama a Luísa po-la dor de cabeza e o varón dandy aínda recendía cando o irmán da Nela xa andaba por Benavente.

Ós pes do cadaleito puxeron os crisantemos que pagaron os tíos Ramón e a Carme de Caracas e de cando en vez, o seu olor abaneábase con aquela chuvisca de agosto. Iso, cando abrían a porta do balcón até que o ruído de fóra afogaba os de dentro que a volvían pechar. 

Sobre as dez da mañá chegou don Luís co incensario, botou uns rezos e levou con el todas as esencias da morte, deixándonos as demais.

TERRA DA FRATERNIDADE: Homenaxe a Zeca Afonso (nota: comeza no minuto 28)

Loading...
E dixo:

-A unidade emotiva consíguese no conto pola ousesión do que ten de sobrevivir
-O remate ha de te-la virtú de faguer simultáneas no esprito as imaxes que foron sucesivas
-A presenza do remate debe estar atafegada, pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato
-O remate é unha imaxe que fai estoupalo conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente
-O conto é unha pelica na que se sinte o pulso dunha imaxe contida
-O conto é o remuiño que fan arredor dunha lámpada moitas bolboretas, todas mergulladas na mesma luz

O Dieste

-Vai indo, non si?

A Nena