Pechado

Detrás do Val do Inferno hai un bar no que sempre está o Xosé Ghaiteiro de Rabo de Galo; antes de subir á estada, despois de baixar dela e para xantar. O lugar dinlle o do Rubiás, aínda que realmente chámanlle o Caracas polo sogro, que alá andou polos cincuenta. Aquela mañá de agosto entrou unha muller que ninguén coñecía, pediu unha cervexa, sorbeuna facendo ruído e foi ó baño. Cando saíu mirou ó Xosé, pagou e marchou. Non a volveu ver ata a semana seguinte. Xa estaba co café cando ela pediu unha caña, mirouno de novo e deixou os cartos por riba da súa mesa.

-Coñécela?
-Non
-Pois, non che sei
-O que?
-Parece como se che quixese dicir algo

Xosé tamén o pensara, pero, o que? Gorlaba para si mentres se metía na cama. E logo, entre as sabas soñou con ela. Díxollo o seu corpo, que non estaba tan excitado dende que a Lorena bailara con el pola Dolorosa. E iso foi antes de casar coa Carme, que dende entón botou o peche, por non dar que falar, máis nada.