De ratos e galiñas (cara a)

Condúzome detrás da súa historia coma un verme dentro dunha mazá, para aparecer entre os dentes de alguén. Despois de todo, deixarse meter unha estaca no universo sexual dunha meretriz, ten pouco de novidade. E facer diso un conto de cincentas, forma parte do ideario das moitas hipocrisías sociais.

Conservo a conciencia de que me bicou diante da súa porta, que me agarrou do vestido e que me esixiu que pasase o seu cuarto. Lembro os libros no chan, por riba das nosas cabezas, o fedor a alcol... A ledicia que mostraba ensinando o seu paraíso... un cuarto no faiado, de cristais no lado das escaleiras, coroado por unha miniatura de Conde, presidido pola cadea musical e a carón, centos de soldadiños musicais.

Podo repetir algún dos mimos que me arrincou a cambio dos corenta euros da primeira, da segunda e das seguintes veces. Pero non podo explicarche o mal que lle sabía a saliva, o áspero da súa pel, o retorcido dos seus desexos. Aínda que aquí estou, porque o teu uniforme mo manda, a cambio de nada.

Queres un? Pois, non me viña mal.

Deitarse as doce da mañá, acompañalo no seu cadaleito cos peitos dirixidos ó ar e, esperar que cha meta a medias unha de cada tres. Valía máis do que me daba, pero quen non sentiu simpatía algunha vez pola podremia allea... El por min, eu por el.

Queima? Un pouquiño.

Dúas veces por semana, algunha máis. O da coca era cousa del, aínda que era máis de jack daniels e o de mercar xoguetes, meu, por pasa-lo tempo, entre Rimbaud e a lírica clásica, máis do seu gusto. Non, non o de atármonos o faciamos poucas veces, non tiña moita enerxía e iso non axudaba. Ó fin a que traballaba era eu. Outra muller, dubídoo, outro home, non o creo. Gañas de morrer, tiña, de matarse, non. 

Auga? Si, grazas.

Fun a ver a miña nai e despois recollín a nena. Sobre as sete. Non había ninguén, só el. Tiña náuseas e non podía falar moito. Tróuxeno ó hospital, preguntaron quen era. Lles respondín que unha amiga. Pareceulles raro que so soubese que a súa nai se chamaba Lola, igual que a súa exmuller. 

Podo ir o baño? Pode.

Eu non lle sei como puido ser, como se queimou o estómago: eu laváballe algo as miserias, a da lixivia era outra.